Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG demandará nas Cortes Xerais do estado solucións aos problemas producidos polos constantes cortes da A8 ao seu paso por Mondoñedo

 Mondoñedo, 09 de marzo do 2020. Aproveitando a visita que fixo Néstor Rego á comarca da Mariña o pasado venres día 6, o voceiro do BNG no concello de Mondoñedo, Eloi Cabanas, xunto con outros membros do BNG local trasladáronlle “in situ” ao deputado nacionalista no congreso os problemas derivados dos constantes peches producidos na A8 por causa da néboa.

Néstor Rego coñeceu de primeira man as iniciativas presentadas polo BNG tanto no concello de Mondoñedo como na Deputación de Lugo e comprometeuse a facer chegar as Cortes Xerais do Estado as propostas realizadas polo seu grupo ante as outras administracións na que se demandaba o acondicionamento do tramo da N-634 que se emprega como alternativa no momento en que se corta a circulación na autovía do Cantábrico ao seu paso por Mondoñedo.

Prolongación do terceiro carril na N-634 ata o Alto da Xesta
Ademais de esixir melloras no pavimento ou na sinalización horizontal e vertical da estrada, para mellorar a fluidez e a seguridade do tráfico, o BNG propoñerá tamén no congreso a prolongación do terceiro carril de subida da estrada nacional ata achegalo a rotonda de enlace coa autovía no alto da Xesta.

Actuacións definitivas que melloren a seguridade na A-8
Eloi Cabanas apunta que a autovía permanece pechada unha media de 600 horas ao ano e lamenta que seis anos despois da súa inauguración o ministerio siga aínda falando de estudos e de probas de prototipos para paliar a falta de visibilidade no tramo do Fiouco ou que a N-634 siga nas mesmas condicións que cando se desviou o trafico por primeira vez no ano 2014.
O edil mindoniense lembra que en xullo de 2014 o BNG xa presentara iniciativas nas Cortes Xerais por medio da deputada nacionalista Rosana Pérez para demandar mellores accesos a Mondoñedo e maior seguridade na A8 pero foron rexeitadas cos votos en contra do Partido Popular argumentando que Fomento xa estaba preparando solucións no treito afectado pola néboa “As solucións ate agora achegadas polo ministerio son insuficientes e demostráronse ineficaces polo que demandamos actuacións definitivas que melloren a seguridade dos usuarios que empregan da vía neste tramo”.
Independentemente de quen fora no seu día o responsable do trazado ou da súa execución e ante a falta de compromiso dos diferentes gobernos do estado, “goberne quen goberne e ao contrario do que fai o Partido Popular que só se acorda da autovía cando é oposición”, os nacionalistas seguirán esixindo medidas urxentes que dean solucións aos problemas derivados dos continuos peches da A8 ao seu paso por Mondoñedo.

Exit mobile version