Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide o cese da actividade marisqueira e outras do sector que tivese como principal destino abastecer ao locais de restauración

Santiago de Compostela, 25 de Marzo 2020. O BNG demanda de novo que o cese de actividade nos bancos marisqueiros, a pé, a flote e a mergullo e as actividades que teñan como destino fundamental do produto o sector da restauración mentres dure o estado de alarma, que recolle o peche obrigatorio de todos os locais de hostalería e restauración. Ao mesmo tempo, solicita que ese cese leve aparellado compensacións económicas por lucro cesante.

A portavoz de Pesca no Parlamento na pasada Lexislatura, Montse Prado, destaca que esta proposta xa foi remitida ao Goberno da Xunta e explica que as actividades extractivas ás que fai referencia a proposta do BNG “vense claramente afectadas”. “Esta situación está a provocar un enorme dano no sector dende o punto de vista económico”, subliña.

“Proba disto é a falta de demanda nas lonxas, de tal modo que o produto ten que ser devolto ao mar ou, no mellor dos supostos e en casos excepcionais, malvendelo por ausencia de compradores ou limitacións da libre competencia”, explica Prado recollendo o sentir do sector.

“Hoxe non existe unha demanda deste tipo de produtos por non ser de primeira necesidade e constátase que os compradores habituais, -depuradoras, restauración, etc-, non están acudindo á lonxa e as máis que escasas vendas teñen un prezo que fai que non resulte sostible dende un punto de vista socioeconómico”, argumenta a nacionalista.

A esta caída na demanda súmanse as dificultades que traslada o sector “para garantir as condicións de seguridade” nos desprazamentos, puntos de control, clasificación, venda en lonxa “polo que existe risco de contaxio entre os persoal profesional e de transmisión aos seus núcleos familiares”, alega Prado.

O BNG explica que a Consellería do Mar segue a manter as competencias para regular o sector, toda vez que no artigo 6 do R/Decreto 463/ 2020, que establece o estado de alarma, recolle: “cada administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente na xestión ordinaria dos seus servizos para adoptar as medidas que estime necesarias”.

“Polo tanto debe atender a demanda que está realizando o sector e decretar a suspensión provisional da actividade de marisqueo por causa maior derivada do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Toda vez que é unha evidencia que non teñen un carácter de esencial nin de primeira necesidade”, conclúe Prado.

Exit mobile version