Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro agradece a colaboración veciñal na posta en marcha das medidas excepcionais polo covid 19 e o esforzo dos que traballan na sanidade e os servizos básicos

 Viveiro, 27 de marzo de 2020. O Concello de Viveiro agradece a colaboración veciñal na posta en marcha das medidas excepcionais impulsadas desde a corporación pola crise do COVID 19 e o esforzo dos que traballan na sanidade e os servizos básicos.

Ao longo destas últimas dúas semanas, o Concello de Viveiro veu adoptando unha serie de medidas excepcionais, motivadas pola crise sanitaria e relacionadas tanto coa declaración da Situación de Emerxencia Sanitaria en Galicia, como do Estado de Alarma en todo o territorio español.

Entre os acordos adoptados cómpre facer mención, en primeiro lugar, a todas as medidas de carácter preventivo que, dentro das competencias municipais, se estableceron coa finalidade de evitar a propagación do virus. Cabe sinalar, entre outras, a suspensión de actividades deportivas, culturais ou eventos previstos; o peche das instalacións e parques infantís municipais; a suspensión dos mercados; a suspensión do servizo de axuda no fogar (naqueles casos que non sexa imprescindible para actividades da vida cotiá) ou a suspensión dos servizos de transporte prestados por este concello, entre outros.

“Acordouse, así mesmo, o mantemento dos servizos públicos esenciais e habilitáronse dous teléfonos de contacto, un casos de necesidades urxentes e inaprazables, e outro teléfono diferenciado para aquelas persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade ou desamparo e non conten con apoio familiar ou social”, lembra a alcaldesa, María Loureiro.

Adoptáronse tamén medidas con respecto ao cobro de impostos ou taxas inminentes; decretando a suspensión do prazo para o pago voluntario do IVTM, previsto do 1 de abril ao 1 de xuño, e dando as indicacións oportunas para que no momento da elaboración dos padróns dos servizos que implican o cobro de taxas, como pode ser a gardería, a piscina ou o conservatorio, se teñan en conta os decretos de suspensión das distintas actividades aos efectos de liquidar nas mensualidades afectadas unicamente os importes correspondentes aos períodos non afectados pola suspensión.

“Consideramos que o principal neste momento é velar pola seguridade da saúde pública; polo que unha vez superada esta situación, será o momento de sentarse para estudar e avaliar as medidas adoptar no ámbito municipal co fin de minimizar as consecuencias colaterais desta crise no ámbito económico e social”, engade a alcaldesa.

O concello realiza, así mesmo, unha reunión semanal cos voceiros dos grupos políticos con representación municipal; a semana pasada realizouse de xeito presencial e a desta semana, por unha proposta da concelleira do BNG, fíxose por videoconferencia.

Nestas xuntanzas realízase un balance das medidas adoptadas e das incidencias acontecidas ao longo da semana. “Intentamos, así mesmo, que a administración non se paralice, mantendo a actividade propia na tramitación daqueles expedientes que non se vexan afectados pola paralización dos prazos administrativos”, explica Loureiro.

Ao longo destas semanas, o concello mantivo un contacto practicamente diario coas dúas residencias de maiores existentes no concello e tamén realiza un seguimento do número de veciños e veciñas de Viveiro contaxiadas co COVID-19; neste momento hai varios casos no municipio e a previsión é que a cifra de afectados vaia en aumento, tendo en conta que hai probas realizadas á espera de coñecer os resultados.

O feito de que poidan realizarse test rápidos no Hospital da Costa suporá un incremento no número de casos coñecidos e isto permitirá coñecer o alcance real dos contaxios e a adopción das medidas oportunas.

“Estamos a vivir un periodo complexo no que, unha vez máis, debemos apelar á responsabilidade de cada un de nós, en beneficio de todos; debemos saír dos nosos domicilios únicamente cando sexa imprescindible, tomando todas as medidas de prevención recomendadas”, demanda a alcaldesa de Viveiro.

O concello amosa a súa gratitude a todas as persoas que estes días están traballando intensamente para superar esta crise: persoal sanitario, forzas e corpos de seguridade, farmacias, supermercados e todos aqueles sectores que garanten o seu abastecemento, transportistas, persoal dos servizos esenciais e un longo etcétera de profesionais.

Agradecer, tamén, a todas aquelas persoas que intentan achegar o seu gran de area, de moi distintas formas, aos voluntarios e ás empresas ou particulares que están a realizar doazóns, como é o caso da Lonxa de Celeiro, Puerto de Celeiro ou a Cofradía de Celeiro. E dar as grazas, así mesmo, aos voceiros municipais e a toda a corporación polo seu apoio con respecto ás medidas que estamos tomando.

“E debemos, finalmente, confiar en que todo vai a saír ben; neste sentido, queremos enviar a todos os veciños e veciñas unha mensaxe de apoio, esperanza e ánimo para superar esta situación e volver á normalidade en canto sexa posible”, remata María Loureiro.

Exit mobile version