Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro decretará medidas de contención municipal pola situación de emerxencia sanitaria

 Viveiro, 12 de marzo de 2020. O Concello de Viveiro, á vista das medidas levadas a cabo pola Xunta de Galicia ante a situación de emerxencia sanitaria derivada do coronavirus, vai decretar medidas de contención a nivel municipal.

Entre outras medidas, suspenderanse as actividades deportivas e culturais que estivese previsto celebrar en instalacións municipais, tanto as organizadas polo propio Concello como por asociacións ou entidades. Procederase ademais ao peche das seguintes instalacións: centros sociais e locais sociais, piscina, biblioteca, instalacións deportivas, teatro, conservatorio, uned, oficina de turismo e gardería municipal.

Esta suspensión comprenderá dende o sábado día 14 de marzo, incluído, ata o día 29 de marzo. Polo momento mantense a actividade administrativa ordinaria, así como o resto de servizos municipais que non resulten afectados por esta suspensión.

Este venres, unha vez decretadas as referidas medidas de forma oficial, serán comunicadas de xeito pormenorizado.

Exit mobile version