Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Xove informa das medidas tomadas

 Xove, 21 de marzo, 2020. Dende o día 18 de marzo, como medida preventiva, estanse realizando traballos de desinfección diario das beirarrúas no entorno de todos os locais que permanecen abertos (Centro de Saúde, farmacia, supermercados, peixería, panadería, estanco e entidades bancarias).
O día 12 de marzo, o Concello pechou ó público tódolos servizos municipais que supoñían tránsito de persoas, e polo tanto podían supoñer un foco de contaxio, como son a Escola Infantil, piscina e ximnasio municipal, pavillón de deportes, campos de fútbol, ximnasia de mantemento, obradoiros de tempo libre, salón de actos, biblioteca, oficina de información xuvenil, escola de música, centro de maiores. Dende ese mesmo día informouse ó persoal municipal adscrito a eses servizos que debería permanecer nas súas casas.
Dende o día 16 de marzo o resto do persoal municipal que quedaba en servizo, como o de obras ou oficinas xerais do Concello tamén permaneceron nas súas casas estando localizados só para casos de emerxencia. Dende ese momento só serven no Concello en horario de oficinas: Alcalde, Secretario Xeral, unha persoa para atención telefónica e outra para atención a casos de urxencia. Segue a realizar o seu traballo no horario habitual o servizo de vixilancia, así como 2 persoas para limpeza de rúas durante o tempo necesario. Tamén, fan gardas localizadas unha brigada de obras, electricistas e servizo de fontanería.
Séguese a prestar o Servizo de Axuda no Fogar nos seguintes casos: dependencia, e libre concorrencia nos casos que segundo informe dos servizos sociais municipais se considerou que debería prestarse pola situación de vulnerabilidade, expresamente persoas maiores que viven soas ou que necesitan axuda pola súa situación persoal. Neste momento préstase o servizo a uns 70 veciños.
Polos motivos expostos é necesario aclarar ós veciños, como resposta a varias chamadas recibidas nos últimos días, que mentres dure a situación de emerxencia actual, o Concello non realizará ningunha labor que non se considere urxente e imprescindible.
É necesario que entre todos colaboremos, limitando ó mínimo imprescindible os movementos para evitar o contaxio e expansión do coronavirus. Este é o único xeito de saír da situación actual no menor prazo de tempo.
Pedimos polo tanto a máxima colaboración e respecto ás indicacións da administración, dos profesionais sanitarios e das forzas de seguridade que están poñendo as súas vidas en risco para axudar ós demais.

Gracias a todos os veciños pola comprensión.

Demetrio Salgueiro
Alcalde de Xove

Exit mobile version