Castiñeira expresou a súa satisfacción polo cambio de criterio do presidente da Deputación, pero lamenta que esta medida chegue tarde en canto se refire ás comisións celebradas esta mañá, que non deberon, dixo, de ser presenciais. A estas reunións , en representación do PP, só acudiu o portavoz popular, para respectar as disposicións sobre confinamento para evitar os contaxios nesta grave crise que vive o país polo coronavirus. Declarou: «Foi un erro considerable do presidente da Deputación que estas reunións fosen presenciais, porque houbo una vulneración dos dereitos dos deputados provinciais, que, obrigados a respectar o confinamento a causa da crise sanitaria, non podían estar presentes. Polo tanto, o presidente terá que explicar e pedir desculpas por este agravio, por esta forma de silenciar ao Grupo Popular».
Nas filas populares consideran que o socialista José Tomé “como presidente, non está a altura das esixencias da crise”. Indican que o presidente da Deputación nada fixo desde a institución para axudar a paliar as consecuencias da pandemia e cren que usa a crise para facer política e criticar obsesivamente as medidas adoptadas pola Xunta.
O portavoz popular, ao fío das reunións desta mañá na Deputación, indicou que había deputados populares que estudaban «acudir a outras instancias» á vista de que tanto as comisións como o pleno foran convocadas para celebrarse presencialmente. Tamén recordou que un xulgado do Contencioso anulou a sesión plenaria presencial prevista para hoxe no Concello de León; nesta decisión pesou o feito de que o concello dispón de medios para que a sesión se poida celebrar por vía telemática. Castiñeira recordou que tamén o Concello de Narón celebrou un pleno por vía telemática, e non cre que teña máis medios tecnolóxicos que a Deputación de Lugo.