Site icon Crónica3.com A Mariña

Todos os edificios administrativos do Concello de Foz estarán pechados desde este luns, día 16, ata o 30 de marzo, ante a incidencia do coronavirus. Anunciouno o Alcalde a través dun bando publicado este domingo

Foz, 16 de marzo de 2020. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, fixo público un bando este domingo, día 15, no que anuncia que “ante a incidencia do COVID-19 (coronavirus) e unha vez analizadas as recomendacións e as decisións adoptadas polo Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática no Real Decreto 463/2020, no que se procede á suspensión dos prazos procesais e prazos administrativos nas súas disposicións adicionais segunda e terceira, e durante 14 días naturais, desde o 16 ata o 30 de marzo ambos inclusive, procederase ao peche de todos os edificios administrativos. Todos os trámites deberán facerse vía telemática / telefónica. Só en casos moi xustificados e con cita previa, segundo a valoración do técnico, poderase atender a unha soa persoa por quenda”.

Os datos de contacto son:

Oficinas xerais: 982.140.027

Rexistro por sede electrónica: https://concellodefoz.sedelectronica.es

Servizos Sociais: 982.133.566

Medio Ambiente: 982.133.159

RadioFoz: 982.141.777

Ademais o rexedor municipal de Foz “apelar á responsabilidade da cidadanía para respectar as indicacións do Estado de Alarma recollidas no Real Decreto 463/2020. Recórdase que os movementos da poboación están limitados para prever a expansión do virus COVID-19 e só se permiten as excepcións recollidas no Real Decreto”.
Cajoto engade que “o teléfono de atención sanitaria para todo o relacionado co coronavirus é o 900.400.116. Só en casos de urxencia se deberán comunicar a través do 061 e non acudir aos centros de saúde”.
E o bando do alcalde focense remata agradecendo “a todos aqueles que cumpren escrupulosamente co confinamento nas súas vivendas, xa que o esforzo individual terá como resultado o ben e a saúde de todas e todos”.

Exit mobile version