Site icon Crónica3.com A Mariña

A presidenta provincial do PP aborda cos deputados no Congreso “a crítica” situación de Alcoa e os efectos socioeconómicos do Covid-19

 Lugo, a 25 de abril de 2020. A presidenta provincial do PP, Elena Candia, continúa cos deputados populares no Congreso a súa rolda de reunións telemáticas de traballo e coordinación do Partido Popular lucense durante a que abordaron, entre outros asuntos, “a crítica” situción de Alcoa e os efectos socioeconómicos do Covid-19 na provincia.

Tanto a máxima dirixente do partido coma os deputados Jaime de Olano e Joaquín García Díez incidiron en que a situación dos traballadores de Alcoa e da industria auxiliar é aínda máis “crítica” debido á crise do coronavirus que derivou na redución da demanda de aluminio. Así, “á incerteza sobre o futuro de Alcoa derivada da falta de aprobación dun estatuto electrointensivo que estableza unhas condicións de produción que garanta a viabilidade da planta de San Cibrao hai que engadir agora o anuncio do peche de varias cubas de electrolise”, lamentaron.

Ante esta situación, dende o PP de Lugo agardan “medidas firmes” dende o Goberno central en apoio á única planta de aluminio primario de España da que dependen 5.000 familias da comarca mariñá e recordan que, “ante a vulnerabilidade dos traballadores das Empresas de Traballo Temporal (ETT) de Alcoa, dende o Grupo do Partido Popular na Deputación de Lugo teñen anunciado recentemente unha iniciativa de cara á celebración do vindeiro pleno da corporación provincial co obxectivo de que a institución se dirixida á dirección da multinacional para expoñer a necesidade de que se manteña a práctica habitual en relación coa incorporación do persoal contratado por medio de ETT.

“Alcoa están languidecendo pouco a pouco e o Goberno, que é o que ten que aplicar un plan para o seu rescate, segue a mirar para outro lado. Esta crise sanitaria trae consigo outra económica moi forte polo que, de non buscarse unha solución á planta da Mariña, os efectos na nosa comarca aínda serán máis fulminantes para o emprego e a economía. Vai ser moi difícil que nos recuperemos se esta empresa segue reducindo a súa produción. Non me quero poñer no peor dos escenarios, pero o futuro que se nos presenta, se o Executivo non actúa xa, non vai ser moi bo”, destacou Elena Candia durante a conversa cos deputados no Congreso.

A presidenta provincial pediu así aos seus compañeiros en Madrid que sigan traballando “coa mesma lealdade á nosa comarca e á nosa provincia”. A popular gabou así todas as iniciativas que os deputados levan plantexadas no Congreso e todas as súas comparecencias para trasladar ao Executivo central que “Alcoa non se pode pechar porque é vital para a Mariña”.

Preocupación polos sectores produtivos da provincia
Os representantes do PP lucense no Congreso compartiron tamén con Elena Candia a súa preocupación ante a incidencia desta crise nos tecido produtivo da provincia. É o caso dos sectores turístico e hostaleiro ou do sector madeireiro e o sector primario.

En relación ao sector pesqueiro, os deputados populares no Congreso expuxeron que teñen presentado varias iniciativas na Cámara Baixa atendendo ás demandas que o sector lle está reclamando ao Goberno central. Concretamente, estas propostas abarcan asuntos de gran importancia para os profesionais do mar como a necesidade de que o Goberno clarifique urxentemente as situacións acarreadas dende a entrada en vigor do estado de alarma e que se habiliten axudas que contribúan a mitigar os efectos do Covid-19. E é que, por exemplo, o marisqueo en Galicia descendeu un 77% e os prezos do pescado caeron a nivel xeral en todos os portos máis dun 50% como consecuencia da considerable baixada da demanda no mercado.

A este respecto, García Díez explicou que xa presentaron catro Proposicións Non de Lei destinadas a que se poñan enriba da mesa as posibilidades que o sector ten para acollerse a ERTEs, que achegas económicas directas e indirectas vai a recibir, e que se poñan en marcha outras actuacións como son incentivar o consumo de pescado, manter a actividade da flota pesqueira ou seguir o exemplo de outros países como Noruega que veñen de declarar a pesca e a acuicultura como sectores de importancia crítica para a sociedade.

Solidariedade e agradecemento
Ao inicio do encontro, os populares tamén quixeron expresar a súa solidariedade coas vítimas do Covid-19 e a súas familias, pois, aínda que en Galicia e en Lugo, en particular, as cifras non son tan elevadas, “son momentos moi duros para todas esas persoas que perderon algún ser querido”. “A todos eles enviamos o noso cariño”, indicaron.
A este respecto, tamén puxeron en valor o esforzo de todo ao persoal sanitario, das forzas de seguridade e de todos os traballadores esenciais para “garantir a nosa seguridade e que non nos falte de nada”. “Observamos como Galicia vai por diante grazas á xestión seria e rigorosa de Feijóo”, apuntaron os populares”, quenes coincidiron en que os tres hospitais da provincia están funcionando correctamente, “pero non debemos conformarnos, nin baixar a guardia. Temos que seguir traballando, extremando as precaucións e colaborar para vencer o coronavirus entre todos”, manifestaron ao inicio da reunión de traballo.

Exit mobile version