Site icon Crónica3.com A Mariña

A vicepresidenta da Deputación insta aos concellos a solicitar a derrogación da Lei Montoro para investir na reactivación económica

 Lugo, 6 de marzo de 2020. A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro solicitou a derrogación da Lei de Estabilidade orzamentaria e sostenibilidade financieira , coñecida como Lei Montoro, para que os concellos poidan dedicar os remanentes orzamentarios de anos anteriores a paliar o impacto económico e social provocado pola COVID-19.

Ferreiro instou ás alcaldías da provincia a dirixirse ao goberno do Estado para solicitar a anulación da norma, que limita drasticamente a capacidade de gasto das entidades locais. “Hoxe máis que nunca é necesario derrogar esta lei e facilitar que desde os concellos e as deputacións poidamos adoptar políticas activas de emprego, solidariedade e reactivación económica”, urxiu.

“Estamos nunha situación excepcional que requerirá un esforzo por parte de todas as administracións. Os concellos teñen que dispoñer de mecanismos para afrontar as consecuencias desta emerxencia sanitaria, antepoñendo as necesidades sociais aos intereses da banca. Desta vez non poden ser as traballadoras os sectores sociais desfavorecidos os que paguen a factura da crise, como aconteceu coa crise financeira de 2008”, argumentou.

A Lei Montoro, aprobada en 2012, obriga aos concellos a investir o superávit en amortizar a débeda –ou en investimentos “financeiramente sostibeis” cunha serie de condicionantes moi difíciles de cumprir- polo que incluso os que teñen débeda cero non poden mobilizar os recursos dos que dispoñen para destinalos a outros fins. Ademais, a lei fixa para os concellos un teito de gasto supeditado aos obxectivos de débeda pública do Estado, limitando a súa capacidade para adecuar as súas políticas ás necesidades sociais.

A vicepresidenta aproveitou para recoñecer o traballo que están a desenvolver os concellos “na primeira liña de resposta á crise sanitaria, ampliando os seus servizos e poñendo en marcha medidas para atender aos sectores sociais máis vulnerables, a pesar da falta do apoio e do material necesario por parte da Xunta de Galiza e do goberno do Estado”.

Nesa liña, urxiu aos gobernos a “proporcionar aos concellos os equipos de protección necesarios para que as traballadoras atendan estes servizos en condicións de seguridade para elas e para os usuarios” e lembrou que “a Deputación ofreceu a súa colaboración á Xunta para facerlles chegar este material”.

Exit mobile version