Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta distribúe entre os centros educativos da provincia os ordenadores e conexións a internet para familias con menos recursos

 Lugo, 3 de abril de 2020. A Xunta comeza hoxe a distribución entre os centros educativos da nosa provincia dos portátiles que incorporan conexións a internet gratuítas, destinados a familias con menos recursos e cuxos fillos cursen ensinanzas de Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional.

O reparto comezou hoxe pola comarca da Mariña pero a intención é completalo nos vindeiros días no resto da provincia, que suman un total de 38 institutos de ensino secundario (IES), 12 centros públicos integrados (con Educación Primaria e Secundaria) e 3 centros integrados de formación profesional (CIFP)

Esta medida, aprobada no último Consello da Xunta, realízase en colaboración cos operadores R, Vodafone e Orange. A familias recibirán os equipos e a conectividade como préstamo persoal para facilitarlles aos seus fillos o seguimento da actividade educativa, mentres dure o estado de alarma.

Os portátiles entregaranse ás familias a través dos seus centros de ensino, grazas á colaboración dos equipos directivos, cos que se contacta previamente para pechar a entrega do equipamento.

Cada centro recibirá tres equipos con conectividade, que distribuirá entre as familias atendendo á súa situación socioeconómica, priorizando o alumnado dos cursos de final de etapa que titulen (4º da ESO, 2º de Bacharelato e 2º de FP) e a aquelas familias que non dispoñan nos fogares de ordenador nin de conexión a internet.

Exit mobile version