O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explica que na comarca estanse a limpar 13,5 quilómetros, o que supón o 50% do total previsto na provincia. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina un orzamento de 512.600 a estes traballos, que executa a través dunha encomenda á empresa pública Seaga nos concellos mariñáns de Viveiro, O Vicedo, Ourol e Xove así como nos de Lugo, O Corgo, O Incio, Bóveda, e Castroverde (sumando en total 26,7 quilómetros).
Os traballos están moi avanzados e neste momento só restan 3,3 quilómetros por limpar, en distintos puntos do Vicedo, Xove e Viveiro nos que se traballa actualmente; desenvólvense simultaneamente tarefas de desbroce nos noiros da VAP da Costa e de tala de árbores nas marxes da LU-862 no límite de provincia.
Os labores consisten na retirada de árbores e arbustos situados nas franxas de dominio público das estrada, fundamentalmente nos taludes. Seleccionáronse os tramos en base á abundancia e características da masa vexetal, co obxectivo de reducir os riscos en caso de incendios e mellorar a seguridade viaria.
Neste sentido, Balseiro explicou que “o efecto cortalumes das estradas depende de que haxa a suficiente distancia entre o arborado de ambas marxes”. Ademais, limpando os noiros de desmonte e terraplén evítase que as árbores poidan caer na calzada en caso de temporal, ademais de mellorar a visibilidade.