O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que está prevista a substitución total da cuberta do edificio da estación e tamén a aplicación dun tratamento anticorrosión á cuberta da dársena.
O proxecto inclúe o cambio da porta exterior de acceso dos autobuses á dársena e o pintado dos bordos. Ademais, prevense actuacións de mellora e acondicionamento no interior do edificio, que afectarán principalmente aos falsos teitos e aos aseos. Tamén se colocarán unhas pantallas electrónicas para reforzar a información sobre as chegadas e saídas dos autobuses.
Balseiro salientou que as actuacións van dirixidas a proporcionarlles ás persoas usuarias unhas instalacións máis cómodas e eficientes e con máis información sobre horarios, servizos e liñas dispoñibles.
O delegado territorial lembrou que o Goberno galego adxudicou hai uns meses as obras de mellora de cinco terminais de autobuses da provincia de Lugo -ademais de Viveiro, tamén as de Burela, Ribadeo, Monforte e Sarria-, e destacou que o proxecto que se executa na estación de Viveiro é o de maior contía.