Nas bases explícase que “o tema no que se debe inspirar o cartel é chamar á poboación para apoiar ás pequenas empresas, hoteis e servizos en Ribadeo, cando remate esta situación ocasionada polo coronavirus. Ten que insistir no positivo de mercar nas pequenas tendas e consumir na hostalería local para revitalizada despois de atravesar por unha mala situación. O slogan debe ir na mesma liña e debe ser claro, conciso e directo. E non de poderán empregar palabras que aludan á actual situación, como alerta, coronavirus, crise sanitaria, etc… deberán utilizarse palabras que inciten á compra, á positividade e á alegría”.
As bases recollen que “calquera técnica ou modalidade é válida para a confección do cartel. O formato debe ser vertical e o traballo final que se presentará debe incluír imaxe e slogan”.
Acisa establece dous premios únicos de 150 euros cada un en vales de compra. Un premio sería para o mellor cartel e o outro para o mellor slogan.
Desde a directiva de Acisa aclaran que “se considerará a posibilidade de que o slogan e a imaxe se escollan por separado entre as diferentes propostas recibidas; pero tamén se podería dar a posibilidade de que a imaxe e o slogan correspondesen a un único traballo. Neste caso o gañador recibiría 300 euros en vales de compra, porque tería presentado o mellor cartel e o mellor slogan”.
O prazo de presentación de traballos rematará o vindeiro 30 de abril. No concurso pode participar calquera persoa, de calquera idade, xa sexa neno, adolescente, adulto, empresario, empregado… Os carteis e slogans deben ser feitos e gardados por cada participante, “e terán que enviar fotografía dos mesmos por correo electrónico a info@acisaribadeo.es ou ao whatsapp 663 39 62 26. No correo debe figurar o nome e apelidos da persoa participante, o teléfono de contacto, o lugar de residencia, en caso de ser menor de idade debe presentar autorización dos pais ou titores”.
Puntuarase de forma adicional: se a obra se presenta acompañada dun texto que defina para quen se realiza, que significado ten para esa persoa o comercio e a hostalería local e por qué se mercar ou consumir nelas.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, insiste en animar “ás veciñas e aos veciños de Ribadeo a sentarse, a meditar e a deseñar o seu cartel de apoio ao comercio e á hostalería locais. Agora que este confinamento nos ten á maioría na casa dediquemos un anaco do noso tempo a pensar de qué xeito poderíamos axudarlles, cómo animaríamos e potenciariamos o consumo local, nos establecementos do noso barrio, nos que temos a carón das nosas casas. Temos xa unha ducia de traballos, pero queremos recibir máis, de aí que ampliemos o prazo de presentación de traballos ata finais deste mes de abril”.
As bases do concurso Polos nosos negocios poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo.
Vídeo de ánimo
O vídeo editado hai uns días por Acisa para animar á cidadanía e lembrar o marabilloso que é Ribadeo recibiu 26.000 visitas na páxina de facebook da asociación. Foi reproducido integramente por preto de 15.000 persoas, tivo 250 reaccións positivas e foi compartido 500 veces. Desde Acisa o seu presidente, Francisco Iriarte, subliña que “esta acollida nas redes sociais fainos ver que Ribadeo, o seu comercio, a súa hostalería e os seus servizos, seguen a ser un referente; que a xente ten moitas ganas de vir visitarnos e que o farán en canto lles sexa posible, porque agora toca quedar na casa un pouco máis. Estaremos encantados de recibilos e de seguir disfrutando da compañía dos milleiros de turistas que ano tras ano chegan a Ribadeo”.
Neste vídeo, que foi elaborado con material gráfico de eventos e lugares de Ribadeo, baixo a idea de que “xa falta pouco” a asociación empresarial ribadense destaca que cada vez queda menos para facer todo o que botamos en falta: abrazarnos, brindar, saír, pasear, festexar…
Iriarte Quintana anima “a que nos sigan elixindo para pasar as vacacións, as pontes, as fins de semana… entre todos queremos vivir Ribadeo e todo o que a nosa vila pon ao seu alcance”.