Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa Ribadeo valora de xeito positivo as medidas fiscais adoptadas polo Concello

 Ribadeo, 4 de abril de 2020. Acisa Ribadeo valora de xeito positivo as medidas fiscais adoptadas polo Concello de Ribadeo “xa que serán unha axuda para o comercio e a hostalería, que son os sectores que se están a ver máis prexudicados polo peche ocasionado pola crise sanitaria do coronavirus o pasado 14 de marzo, un día antes de que se decretase o estado de alarma”.
Para o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, “non cobrar algunhas taxas, durante o tempo no que se prolongue esta situación ou devolver as xa cobradas, suporá un alivio para hostaleiros e comerciantes, que levan máis de medio mes cos seus locais pechados. Refírome as taxas das terrazas, a recollida do lixo, o subministro de auga ou outras que lles poidan afectar. Este é un primeiro paso do Concello, pero agardamos que haxa máis”.
Iriarte Quintana dixo que “unímonos tamén á solicitude plantexada á Deputación de Lugo para que sexa flexible co cobro do IBI, do IAE e do imposto de vehículos de tracción mecánica. Sería moi importante que os aprazasen para mais adiante e que despois nos permitisen o seu fraccionamento”.
E engade que “o momento polo que estamos atravesando é duro e complicado para todos, de aí a necesidade de tomar medidas valentes e amplas”.
O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo dixo que “en Acisa seguimos traballando para dar servizos aos nosos asociados e asociadas e para buscar solucións á situación que están atravesando o comercio e a hostalería locais, así como para as consecuencias que isto terá nun futuro próximo”.
Acisa ven de editar e remitir aos asociados unha pequena guía coas principais medidas económicas, fiscais e laborais adoptadas polas diferentes administracións desde que se instaurou o estado de alarma. “Esta guía contempla boa parte das liñas destinadas a autónomos e pymes. O que pretendemos con ela é aglutinar nun documento toda a información para que os asociados e asociadas de Acisa coñezan todas as medidas ás que se poden adherir contando sempre coas indicacións e a xestión das súas asesorías e xestorías”, engadiu Fracisco Iriarte.
Acisa tamén agradece “a disposición do Concello de Ribadeo para abordar nos vindeiros días, nunha xuntanza por vídeo conferencia, en qué situación se atopan agora mesmo o comercio e a hostalería e un plan de apoio para eles”. Iriarte Quintana subliñou que “desde Acisa traballamos estes días nun plan que lle imos presentar ao Concello cunha batería de medidas a adoptar e de iniciativas coas que pretendemos, entre todos, revitalizar ambos sectores. Queremos que o proxecto sexa analizado e acordado entre Acisa e o Concello. Temos que estar preparados para o que vai vir despois do confinamento. A economía local, ao igual que a global, vai estar moi resentida e por enriba de nós planeará a sombra de peches de pequenos negocios. Temos que loitar duro para intentar evitalo. E iso so poderemos facelo todos xuntos”.

Exit mobile version