Site icon Crónica3.com A Mariña

“Aprendamos a lección” por Servando López Álvarez/Farruco Graña

Tras o crecemento frenético de comezos do milenio, e agora con esta nova fase de expansión económica (máis pousada ela, pero crecemento á fin), semellaba que a economía global seguía o seu ciclo vital como se nada puidera con ela. Co apoio do complexo científico tecnolóxico omnipresente, todo fica baixo control. Todo?!
Ata o momento, as advertencias de problemas de saúde pública a escala planetaria non pasaron de informes de expertos, conferencias de millonarios extravagantes, ou de trolas cibernéticas ben adobadas ao estilo terceiro milenio. Pero velaí que o “bicho” chegou, e non de xeito transitorio, senón para quedar connosco por ben tempo.
Para a súa expansión foron vitais as principais características do noso modelo económico vixente: sobreexplotación de recursos naturais (coa conseguinte destrución de diferentes nichos ecolóxicos), problemas de contaminación xerados polo abuso dos combustibles fósiles, o deterioro progresivo da capa de ozono polo efecto das emisións de CFFs, e o aumento exponencial do tráfico aéreo (tanto polo que ten a ver coa capa de ozono como pola constante trasfega de mercadorías e persoas). Todos eles son factores que posibilitan a rápida expansión de calquera tipo de pandemia, ben polo impacto medioambiental en especies nas que se orixina, ben pola súa rápida difusión nunha economía global.
Inherente ao modelo económico neoliberal tamén é a progresiva redución e desmantelamento dos servizos públicos. Nun alarde de cinismo sen igual, mesmo agora se chega ao paroxismo de dicir que o sector público existe grazas ao privado, como se o papel do Estado fora o dun parasito que vive a costa das empresas. Non dicían o mesmo cando o rescate bancario, non. E un sector no que, cada vez teñen máis posto o ollo, é o da sanidade. As políticas descarnadamente desvergoñadas de desmantelamento da sanidade pública (levadas a cabo desde hai tempo) vense agora como un factor que axuda, e tanto!, á maior difusión da COVID-19 por mor da escaseza dos medios axeitados para lle facer fronte. Tal e como no ensino a comunidade educativa saca adiante moitos proxectos innovadores e suple día a día as carencias xeradas polos continuos recortes orzamentarios, tamén noutra profesión moi vocacional, como é a da sanidade, vemos día a día como o persoal sanitario fai fronte a unha pandemia sen os medios suficientes por mor de tantos anos de recortes, cando non, nalgunha ocasión, de entrada a saco nas arcas públicas desviando fondos con claros fins partidarios (iso andan a investigar nalgunha comunidade).
Esforzos estamos a facelos todos e todas nesta situación tan especial. Pero aqueles sectores profesionais que seguen en activo: mulleres e homes da limpeza, da alimentación, do transporte, forzas de seguridade e protección civil… e, como non, o mundo da sanidade, están a vivir situacións de alto risco e moito estrés.
Hai experiencias previas de situacións moi límite que puxeron a proba a calidade profesional e humana dos nosos sanitarios e sanitarias (como Angrois, os atentados do 11M ou algúns accidentes aéreos). Pero hai algo que muda radicalmente coa COVID-19: ademais de non dispoñer de recursos materiais e tecnolóxicos suficientes, descoñécense marcadores de enfermidade severa antes de que esta se desenvolva, ignórase que tratamentos son os mais eficaces; tan só cabe centrar os esforzos na contención de novos contaxios e en tratar as persoas contaxiadas que desenvolven clínica. E por mor da carencia de medios xa referida, o persoal sanitario vese sometido a fortes dilemas morais que supoñen un inevitable esgotamento psicolóxico. Como decidir quen se salva e quen non? Para quen vai ser o respirador?
Máis que nunca sentimos a necesidade de impulsar o papel dos comités de bioética dos nosos centros hospitalarios para abordar entre o persoal sanitario a formación necesaria para afrontar esta situación. E, en colaboración cos centros educativos, tamén se poderían organizar cursos nos que o alumnado poida comprender o complexo que é tomar decisións deste tipo na vida real. Cando a xente ten formación asume mellor a súa responsabilidade. E o persoal sanitario non quere heroísmos lendarios; quere ser responsábel; ama o seu traballo e desexa desenvolvelo plenamente e máis medios para lle facer fronte á pandemia. O que os fai erguer e traballar con ilusión e forza é pensar nun mundo no que se valore máis a investigación e non tanto as súper estrelas mediáticas, no que esperte máis admiración o esforzo e a formación que o éxito inmediato.
Temos moitas leccións que tirar desta crise. Pero, para nós, a fundamental é que sexamos quen de comprender que só cunha firme defensa da sanidade pública (do público en xeral) poderemos crear as condicións axeitadas para afrontarmos novas situacións excepcionais coma esta. O mercado, esa man invisible que, disque, todo o regula, ben se viu a que andaba. Mesmo a que anda agora, especulando co material sanitario nunha situación de emerxencia coma esta.

Servando López Álvarez
Anestesiólogo e Presidente da Asociación Galega de Anestesioloxia, Reanimación e Dor.
Farruco Graña
Profesor de Filosofía e escritor.

Exit mobile version