Na xuntanza estiveron presentes representantes da Federación de Comercio da Mariña, CCU de Viveiro, CCA Ribadeo-ACISA, CCA Burela e ACIA de Foz. Tamén participou a xefa territorial en Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández, e persoal técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Balseiro destacou a liña de apoios para facilitar liquidez inmediata a autónomos e pemes. A Xunta, a través do Igape, permite acceder a préstamos de entre 3.000 e 200.000 euros para cubrir os seus gastos correntes, facturas, pago de salarios ou de alugueiros, entre outros. A Xunta bonificará o 100% dos tipos de interese.
Por outra banda, a Administración autonómica tamén aprobou o aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados coa Xunta –a través do Igape e XesGalicia– e aprazou o pago de distintos impostos de xestión autonómica, como é o caso de actos xurídicos documentados.
Tamén se avaliou a medida que servirá para adiantar parte da nómina aos traballadores afectados por expedientes de regulación temporal de emprego (Erte) xa aprobados por parte da Administración autonómica pero que agora están á espera de que o Goberno lles pague as súas prestacións. A Xunta avalará o adianto de 1500 euros por traballador, cun tope mensual de 750 euros, ata o momento en que se produza o pago da prestación estatal pendente.
Balseiro salientou que as medidas económicas que está a arbitrar o Goberno galego para tratar de facer fronte aos efectos da crise sanitaria parten do diálogo e do consenso e teñen como obxectivo máis inmediato dar liquidez ás empresas e ás familias, pensando ao mesmo tempo no futuro.