Castiñeira iniciou hoxe a rolda de contactos, vía telefónica, con representantes dos distintos sectores produtivos, en concreto coa Federación de Comercio (José María Seijas e José Carlos Paleo) e dos hostaleiros (Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Hostalería). A análise que fan da actual conxuntura é que “a situación é malísima”, con previsións moi malas de cara ao próximo verán e con perspectivas moi poucos optimistas para o conxunto do ano.
O portavoz popular di que hostaleiros e comerciantes demandan axuda das institucións e sinaladamente da Deputación para reducir nestes sectores o impacto económico e laboral da crise sanitaria. Comerciantes e hostaleiros coinciden na necesidade de reforzar as posibilidades de supervivencia dos negocios mediante campañas institucionais para xerar confianza entre clientes e usuarios. E tamén son precisas accións institucionais para facilitar o acceso a créditos bancarios adaptados a esta especial situación, así como unha maior flexibilidade nos ERTE, ademais de buscar fórmulas para rebaixar a presión fiscal.
Castiñeira destacou a disposición do PP a buscar fórmulas de apoio a estes sectores, sinaladamente na Deputación. Do goberno presidido polo socialista José Tomé destaca que non está á altura das circunstancias nun momento tan delicado como o actual, como o demostra o feito de que esquece aos autónomos e ao pequeno comercio da provincia. Ao longo da xornada, Castiñeira falou tamén co xerente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción, Eugenio Corral; presidente da CEL, Jaime López, e a presidenta de Jóvenes Empresarios, Noelia López.
O portavoz popular lamenta que Tomé non atendese a solicitude do PP para convocar unha reunión telemática da xunta de portavoces da Deputación e anuncia que seguirá a súa rolda de contactos cos representantes dos sectores produtivos. Está convencido de que o organismo provincial pode e ten que xogar un papel moi relevante para axudar a saír da difícil situación económica provocada pola crise sanitaria; di que a Deputación ten que actuar decididamente para a reactivación da economía provincial.