Site icon Crónica3.com A Mariña

Comunicado do Grupo Municipal do BNG no Concello de Xove á atención do Alcalde-Presidente D. Demetrio Salgueiro

Xove a 4 de abril de 2020. O presente comunicado nace da vontade dos representantes do BNG no Concello de Xove de porse en contacto co conxunto da cidadanía e, moi especialmente, con aquelas persoas que nas últimas eleccións depositaron as súa confianza na nosa alternativa. Así mesmo pretende informar dalgunhas cuestións, sobre as que diversas persoas teñen manifestado o seu interese, póndose en contacto con nós.
Queremos deixar constancia do tempo transcorrido desde a aprobación do Decreto que regula o Estado de Alarma ata a publicación deste comunicado; pasaron xa 21 días.
Así, o grupo municipal do BNG manifesta que:
1.En ningún momento o Grupo de Goberno se puxo en contacto de maneira formal con ningún dos nosos membros (catro edís que conforman o único grupo da oposición) desde a promulgación do Estado de Alarma.
2.De xeito informal, a única comunicación existente entre os membros do Equipo de Goberno e os membros da oposición, foi unha chamada o día 12 de marzo do Alcalde ao portavoz da oposición, Xosé M. López Hermida, para informalo do peche dos locais e actividades públicas dependentes do Concello.
3.Non se pediu o ingreso de ningún membro no Comité de Seguimento da Crise, constituído este por Bando de Alcaldía en 16 de marzo.
4.Non fomos tampouco chamados a ninguna Xunta de Portavoces en todo este tempo.
5.Non se realizou ningún Pleno Extraordinario neste periodo, nin temos constancia de que o Concello teña habilitado algún mecanismo dixital no caso de terse que realizar.
6. Como o conxunto da veciñanza puido ou pode comprobar, a día de hoxe a única información FORMAL que o grupo de goberno emitiu sobre a crise nestes 21 días na súa páxina web foi o Decreto de alcaldía do 16 de marzo e unha nota informativa do 21 do mesmo mes.
7.O Grupo Municipal do BNG non considera un medio apropiado de dar información relevante e de interese xeral unha entrevista nun xornal (El Progreso, 29/3/20). Sobre o facebook ou calquera outra plataforma das redes sociais simplemente, e por educación, preferimos gardar a nosa opinión.

Exposto e analizado todo o anterior, o Grupo Municipal do BNG solicita a través deste comunicado o seguinte:

1.Unha valoración formal do impacto da crise no municipio, realizada polo equipo de goberno con informacións verídicas e contrastadas na medida en que isto sexa posible.
2.En relación co anterior pedimos que sexa o grupo de goberno e o seu Alcalde-Presidente o primeiro organismo encargado de desmentir bulos, informacións sen veracidade e outros supostos que non fan máis que minar a moral da cidadanía e complicar a xestión desta crise.
3.Unha valoración seria, fundada e cunha declaración formal sobre as condicións nas que se está a realizar o Servizo de Axuda no Fogar.
4.Unha mesma valoración (na medida do posible e sendo conscientes de tratarse dun ente privado) das condicións da Residencia de Maiores, tanto a nivel de persoal como de usuarios e usuarias.
5.Unha exposición e valoración da situación do Centro de Saúde e dos plans de centralización en caso de complicación da crise.
6.Unha valoración tamén seria da calidade e número de medios que as diferentes Institucións están a poñer a disposición do Concello.
7.Unha lista formal de carencias ou deficiencias que poden afectar o noso municipio ou poideran afectalo no caso dunha complicación ou alongamento da crise sanitaria.

De todo o anterior, e a pesares dalgunhas mentes premeditadamente malintencionadas, non se debe inferir ningún tipo de vantaxe electoral ou deslealdade política pola nosa parte e moito menos a nosa intención de non colaborar co Concello en todo aquilo que sexa necesario. Neste sentido creo que cómpre recordar que as eleccións minicipais acaban de ser o que deixa ás claras a pouca ou nula rentabilidade que nós puideramos sacar disto.
Moi ao contrario; con este comunicado queremos poñer de manifesto unha forma arcaica, unipersoal e pouco eficaz de solucionar problemas cotiás e moito menos crises desta gravidade. Por desgraza esta forma de entender a política afecta por igual a Presidencia do Estado, a Presidencia da Xunta e a meirande parte das Alcaldías da nosa nación.

Exit mobile version