Site icon Crónica3.com A Mariña

EQUO Galicia esixe á Xunta os informes técnicos nos que se basea a autorización da caza do xabarín durante o estado de alarma

Compostela, 26 de abril, 2020. Estes días a Xunta ven de autorizar a caza do xabarín en pleno estado de alarma pola crise sanitaria. En EQUO Galicia, pensamos que esta é unha medida indignante deseñada soamente para contentar as Federacións de Cazadores e que as razóns aducidas son excusas para poder autorizar esta actividade. Vimos, por este motivo, de solicitar formalmente á Consellería de Medio Ambiente os informes técnicos nos que se basea a
decisión de autorizar as batidas.
Dende a nosa formación política, entendemos que estas actividades non
son prioritarias durante o estado de alarma, ademais de que a caza non
pode ser un método aceptable como xeito de control da poboación de
animais salvaxes xa que hai moitas formas non cruentas de protexer os
campos e evitar os accidentes de tráfico.
Por unha banda, se aduce que os xabaríns son perigosos xa que poden
provocar accidentes nas estradas. Ante isto, nós propoñemos que se
melloren as medidas de prevención con elementos disuasorios luminosos
ou a xeneralización do doble valado reforzado, delimitación de zonas con
recursos olfativos, comedeiros forestais, control das fontes de alimentos
ou a mellora dos espazos naturais onde se lle proporcionen recursos e
cobixo. Todo isto faría que a fauna non se desprazase a zonas urbanas,
vías de comunicación nin zonas de cultivo.
Todos estes métodos serían tamén efectivos para protexer á actividade
agrícola, que é outra das razóns que se aducen. Na nosa opinión,
pensamos que os labregos están hoxe moito máis afectados polos peches
dos mercados de proximidade non sedentarios que polos propios
xabaríns, que, como xa expresamos, poden ser controlados doutros
xeitos.
Queremos lembrar ademais, que as especies salvaxes deben ter o seu
propio espazo e a conservación dos ecosistemas é necesaria. A
recuperación do monte tradicional galego e a deseucaliptación sería unha
medida moito máis efectiva á hora de manter aos xabaríns lonxe dos
cultivos, estradas e asentamentos humanos, xa que proporcionaría o
sustento que estes animais precisan.
Como vemos con esta pandemia, a protección destes espazos frea a
propagación de enfermidades de transmisión de animal a humanos como
é o COVID-19.

Exit mobile version