Site icon Crónica3.com A Mariña

Éxito rotundo da iniciativa “Quilómetros Solidarios”

 Foz, 6 de abril, 2020. Grazas, moitísimas grazas! A todos e todas. Non atopamos máis palabras ca esas para describir todas as emocións que estamos a sentir, agora mesmo, as persoas que integramos o Club de Atletismo ‘Ría de Foz’.

Coa nosa iniciativa, “Quilómetros Solidarios”, pretendiamos estimular a práctica deportiva e, a súa vez, axudar a todas aquelas persoas que o precisasen nestes duros momentos. A pandemia global do COVID-19, ademais de pór en risco a nosa saúde, ameaza con forza a economía de moitas familias, provocando que un dereito tan básico e necesario como a alimentación se vexa comprometido.
Deste xeito, desde o ‘Ría de Foz’ quixemos amosar, máis unha vez, que o deporte ten que ser unha ferramenta fundamental na transmisión de valores. Que valores son os máis importantes a día de hoxe? Tivémolo claro: a empatía e a solidariedade. E esa solidariedade transformouse este domingo, grazas a todos e todas vós, en 905 quilómetros que se converteron, desde este luns, en alimentos doados ao Banco de Alimentos de Foz.
Ademais, queremos destacar que estes quilómetros tan solidarios chegaron desde lugares ben diferentes e afastados. As carreiras dos nosos participantes tiveron lugar en Foz, en toda a comarca da Mariña, de gran parte de concellos de Galicia e das principais cidades da xeografía galega. O sorprendente é que a nosa iniciativa traspasou as fronteiras da nosa comunidade, pois chegáronnos quilómetros de lugares tan afastados como: Oviedo, Xixón, Gasteiz, Bilbao, Barcelona, Cornellá, Madrid, Toledo, Jaén, Sevilla, Murcia, Gran Canaria e ata de países como Francia e Suráfrica, das pernas de galegos e galegas emigrados.

EN QUE CONSISTÍA ESTA INICIATIVA?
A iniciativa “Quilómetros Solidarios” foi unha carreira individual, organizada polo Club de Atletismo ‘Ría de Foz’, que se desenvolveu o domingo 5 de abril desde as 8h da mañá e ata as 20h do serán. Por cada quilómetro realizado entre esas horas, e que pasase a verificación esixida pola dirección do ‘Ría de Foz’, o equipo focego doaría 1kg de alimentos ao Banco de Alimentos de Foz.
A carreira contra o COVID-19 gañámola entre todos e todas e ninguén quedará polo camiño. Á meta chegamos xuntos e xuntas!

Exit mobile version