Site icon Crónica3.com A Mariña

“Ninguén sabe nada”, por Jorge Díaz Freije

Nestes momentos excepcionais que nos toca vivir recordo a diario un programa que escoitaba a través da radio, presentado por Andreu Buenafuente coa extensa colaboración de Berto Romero; emitíase semanalmente en horario matutino na Cadena Ser e denominábase Nadie Sabe Nada, descoñezo se a día de hoxe segue en antena xa que lles estou a falar do ano 2016, cando un humilde servidor repartía pan e a maior das compañías eran as ondas radiofónicas, tanto informativas coma musicais. Desempoo isto pola semellanza do espazo radiofónico coa actualidade vírica que nos está a acurralar. O guión programático deste comunicador era sinxelo: os ouvintes transmitíanlle cuestións ou preguntas sen máis, ás cales eles respondíanlles o que nese momento se lles viña á mente.
Enlazando co anterior e volvendo á realidade pandémica estámonos a enfrontar a un rigoroso directo da información que nunca vivimos, de aí o meu simil comparativo con este programa das ondas, incluso no título, que é a característica máis semellante á realidade: ninguén sabe nada.
No punto de vista político e visto ate o de agora case dá igual quen estivera ao mando, no referente á actitude preparatoria ante está avalancha sanitaria e o confinamento mundial que estamos a sufrir e a presenciar. Visto países veciños e non tan próximos o efecto do Covid-19 a todos nos colleu co pé cambiado, pero en todos inqueda, aínda que nalgúns casos hai matices. É algo tan transversal que non entende de bandeiras nin de nacións desenvolvidas ou non. Retomando a guía do Estado español, é complexa, inestable, improvisada e todo o que lle poidamos achacar; agora ben hai que valorar ao que nos estamos a enfrontar, algo tan extraordinario e que ten como maior arma combativa o sentido común e a solidariedade de todos.
Quizais neste século sexa a primeira gran incerteza global da humanidade e probablemente mudará hábitos, no persoal, no social, no económico; é dicir vai marcar un antes e un despois no ritmo mundial e iso que se chama globalización, amarrado polo capitalismo, deberá adaptarse dunha vez ás necesidades reais e básicas da poboación. O sistema ten que ser o servidor da cidadanía e á súa vez a transformación ten que empezar en nós e sermos capaces de pensar como especie e non como individuo. É posible que soe a unha quimera debido ao método que nos rexe e impulsa o pensamento independente e o egocentrismo do noso ser. Ter claro que este tempo de corentena mundial é obrigado ou inducido por unha soa partícula vírica. Por iso o dito: que pequeno é o mundo.

Jorge Díaz Freije (Concelleiro de Medio Ambiente en Ribadeo)

Exit mobile version