Site icon Crónica3.com A Mariña

“Non sempre é o que parece. Necesidade e irresponsabilidade, nada que ver”, por Marta Rodríguez Engroba

Se hai algo que está a xenerar polémica nestes días de confinamento é o tema da compra, da xente que acude aos supermercados, nos que atopamos de todo, desde os que saen cun cargamento que mais que un carro necesitaría un palet, desoindo totalmente o que nos están a repetir continuamente, que o abastecemento está asegurado, ata os que saen cunha pequena bolsa con moi poucas cousas, ou, sinxelamente, cunha barra de pan.

Se os primeiros escoitan unhas cantas cousas, os segundos deben ir preparados para aguantar un auténtico chaparrón de improperios, xa que, automáticamente, se da por sentado que o único que pretenden é, coa excusa de sair a mercar, saltarse o confinamento día si e día tamén, e continuamente se lles insta a facer unha compra grande que lles dure para varios días.

Eu teño claro que o de sair a pasear así, porque sí, non se da en todos os casos (tampouco digo que non hai quen o fai, ollo, que os hai, e en abundancia ademais!), e que mirar ata o último céntimo por pura necesidade é a causa de que mais dun faga unha compra que soamente se pode cualificar de exigua, algo que, cando o digo, non falla!, prácticamente todo o mundo se me bota enriba dicindo que eso é unha parvada, e que esas persoas son unhas irresponsables, punto.

Por eso, o que vin hai unhos días na cola dun supermercado, chamou a miña atención dun xeito especial, e gustaríame que mais dun e dunha que se alporizan cando eu lles digo que non todo o mundo se pode permitir o luxo de facer unha “supercompra” saltan coma se os pinchara, o viran tamén, malia que non creo que servira de moito, as cousas como son, porque, cando non se quere entender…….

A semana pasada, un dos poucos días que sain a abastecerme do mais imprescindible nun supermercado preto da miña casa, cando xa estaba na cola da caixa e soamente tiña unha persoa diante, fixeime nunha señora maior que estaba xa pagando.

Levaba bastantes cousas, pero tampouco en cantidade chamativa, nin por excesiva, ni por escasa, e, cando a caixeira lle dixo o importe, comezou a sacar moedas e mais moedas , que lle ía pasando a empregada para que as fora contando, ao mesmo tempo que, de cando en vez, botaba olladas claramente avergonzadas aos que agardábamos na cola, e na que, como supoño que xa intuía, mais dun comezaba xa a soltar perliñas pola boca.

Teño que confesar que eu mesma me quedei, así, de momento, un pouco sorprendida, pensando que tal vez se tratase dunha desas persoas, case sempre dunha idade avanzada que, as veces, deciden apañar todo o solto que teñen polos petos e polos caixóns e levalo ao super, frecuentemente na hora punta, conseguindo que a cola de xente furiosa pola espera acade dimensións considerables, mais cando me fixei un pouco mais, tentando non escoitar ao rapaz que tiña diante, que estaba invocando a todos os antepasados da señora, decateime de que a situación para nada era esa.

A caixeira, a que, por certo, parabenizo, porque o que estos profesionais están aturando estes días non está nos escritos, facendo gala dunha gran profesionalidade e exquisita educación, ía contando pacentemente as moedas que a señora ía depositando diante dela, sen un mal xesto, sen un comentario de impaciencia, mentras a cara da muller se ía tornando, pouco a pouco, colorada.

Cando, finalmente, lle dixo a muller canto diñeiro levaba en moedas, e o comparou co importe do que mercara, ela, despois de botar unha ollada apurada aos que agardábamos, comezou a separar algúns dos artigos que escollera, para devolverllos a caixeira, a que lle pediu que de novo sumara o importe daqueles cos que se quedara, para, cando llo dixo, separar outro mais, e comezar a meter os outros rápidamente nunha bolsa, ao tempo que miraba hacia os que agardábamos, e, visiblemente cortada, nos pedía perdón.

Creo que a conclusión do que acabo de contar é bastante obvia.

Estou segura de non errar se digo que esa muller, cunha economía mais que precaria, agardou ata que xa non lle quedou mais alternativa que tentar levar algo para a nevera e non pasar fame, e digo levar porque enchela non é, penso, unha opción para ela, e, para facelo, non tivo mais remedio que tentar facer acopio de canta moeda tiña na casa, e que, seguramente, en momentos mellores, probablemente cando cobrou a súa escasa pensión, lle foron quedando das voltas deses poucos billetes que pasan polas suas mans cada mes e que case non lle da tempo a ver.

Con toda seguridade, esa muller terá que estirar o que comprou ese día ata que, de novo, toque cobrar a pensión, e se poida permitir, de novo, o luxo de pagar cun billete e non paralizar a cola contando as súas moedas.
Mentras tanto, que pase necesidade seguramente entra dentro do posible.

Era, por certo, unha muller que ía moi ben arreglada, mesmo maquillada, e que seguramente coñeceu tempos mellores.

Por qué digo isto? Porque sempre tendemos a asociar estas situacións con xente marxinal, con “mala pinta”, e eu non me cansarei de repetir que, detrás de cada porta, hai historias que, en moitísimos casos, non poderíamos nin imaxinar, e que, ademais, é moi certo eso de que o hábito non fai ao monxe, como tampouco existe un “uniforme” especial para pobres, como moitos parecen supoñer, ou que, se un o é, ten que ir vestido e cunha imaxe en consonancia coa súa situación, e dicir, esfarrapado e porco.

Situacións como as que, estou convencida, está a vivir esta muller, non son raras, e o confinamento implica para quen as vive, un problema ainda mais grave que o do resto da sociedade.

Porque non é o mesmo ficar pechados na casa con todas as comodidades, sen problemas para abastecerse de todo canto se precisa, que facelo cunha man diante e a outra atrás, sen recursos, e co temor do que lles pode pasar e que os atopará sen medio ningún para facerlle fronte.

E, por se isto non abondara, ainda por riba, cando saen para tentar proverse do xustiño, do único que a duras penas se poden permitir, teñen que soportar que os critiquen, que os miren mal e que den por sentado o que, en moitos casos, é totalmente incerto.

Non son irresponsables, que, repito, haber,hainos, pero non é este o caso.
Non son egoistas, que soamente se preocupen de sair a pasear sen importarlles o risco que implican para os demais, e para eles mesmos, nin esa bolsa con tan poucas cousas, ou esa barra de pan son a proba evidente.
Son unha evidencia, si, pero de algo ben diferente.

O triste, o lamentable, é esta sociedade que construimos que fai que o vulnerable se avergoñe de selo, e que se vexa, porén, na necesidade de agochalo, que prefiran que lles chamen de todo dando por sentado que son unhos desaprensivos, antes de que se saiba que non se poden permitir xa non soamente o que lles gustaría, se non o que necesitan, como todo o mundo, e ao que teñen todo o dereito, pero que a vida, pola circunstancia que sexa, lles nega.

É absolutamente deleznable que se culpabilice ao pobre, ao vulnerable, que se lle sinale, e se isto xa sucedía antes, coa crise do coronavirus está quedando ainda mais patente.

Hai quen dí que esta tremenda situación que estamos a vivir está a sacar o mellor das persoas.

Eu matizaría un pouco mais e diría dalgunhas persoas, porque no que atinxe a moitas outras, o único que está a facer evidente é a súa mezquindade, a súa ruindade, que lles impide, nin por un so segundo, poñerse na pel de quen está a pasalo mal, de quen non ten as mesmas oportunidades…ou ningunha.

Francamente, creo que ben pouco, por non dicir nada, podemos agardar dunha sociedade que se cre con dereito a xulgar ao demais e que é ademais incapaz de entender que, moitas veces, as cousas non son o que parecen.

Imos mal, moi mal, con pandemia, ou sen ela.

Exit mobile version