Alfredo Llano declarou que “estes días estivemos moi atentos ao que ocorría nun barco con bandeira francesa, cuxos propietarios son asturianos, e que ven descargar moitas veces ao noso porto, por iso son coñecidos e por iso viñeron agora. Neste barco fixeron as probas a toda a tripulación para ver se tiña algún dos tripulantes o coronavirus, tardaban cinco días en darlles a resposta, entenderon que podían marchar facer a faena e ao pouco tempo chamáronos porque un deles dera positivo. Viñeron outra vez para o porto de Burela, aí fíxose un seguimento a través das autoridades sanitarias, fixéronse as probas para ver se algún estaba afectado polo coronavirus e deron os 16 tripulantes negativo, incluído o que se sospeitaba que era positivo. Iso foi unha alegría grande”.
O alcalde burelés sinalou que “agora mesmo, aínda que deran negativo, hai que agardar unha corentena que foi enmarcada desde o 15 ao 29 deste mes de abril. A corentena poden facela no barco ou nos propios domicilios, pero a tripulación non é soamente asturiana ou galega senón que hai portugueses, etc. O propio capitán do barco dixo que o mellor sería marchar do porto de Burela e facer a corentena na embarcación. É unha forma de garantir que non haxa máis contaxios, pero a súa proposta ten que ser ratificada por Capitanía Marítima que pide un informe de saúde con todas as probas que se fixeron aquí e os resultados, a ver se acceden a deixarlles ir a augas francesas. Este barco ten un lugar onde vai pescar que está a 80 millas de Francia e a 80 millas de España, o que favorece que poidan desprazarse rapidamente a un porto por se houbera algunha cuestión de saúde que lles preocupara. Polo tanto están agora mesmo nesta fase. Por esa razón estase agardando o resultado de saúde internacional para decidir unha postura que vaia máis acorde coas pretensións que ten o capitán. Niso están”.
O rexedor agarda que “non tarden moito en decidir, que saia todo ben e, desde logo, estamos todos contentos de que agora mesmo os 16 tripulantes estean perfectamente para seguir a súa vida normal”.