Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro pregunta pola prevención de contaxio na rede de caixeiros automáticos

 Viveiro, 22 de abril, 2020. A situaciòn de crise sanitaria provocada polo coronavirus que estamos a vivir obrigounos a todas e todos a adoptar e extremar as medidas de hixiene e limpeza entre outras, tanto no ámbito privado como público, para evitarmos o contaxio e preservar así a saúde das persoas.

Trala aprobación do decreto do Goberno do estado español, no que se detallaban as normas do estado de alarma, o Banco de España fixo pública unha nota na que informaba de que as entidades bancarias garantirían o servizo a través das sucursais,caixeiros e sistemas por internet. As entidades bancarias pedían á clientela que empregasen a tecnoloxía para evitar o acceso ás oficinas, informando que ían asegurar a distribución de efectivo a través das máquinas, tal e como confirmou o propio Banco de España na devandita nota na que destacaba que a plena operatividade das redes de caixeiros automáticos permitiría á clientela a disposición de efectivo e o acceso a parte da operativa básica sen necesidade de acceder ao interior das sucursais.

Nesta mesma liña as entidades bancarias, desde a data da declaración de Emerxencia Sanitaria en Galiza e a entrada en vigor do estado de alarma, puxeron en marcha tamén protocolos de acceso as súas oficinas e adoptaron medidas de limpeza recomendadas polas autoridades a fin de minimizar os riscos de contaxio, tanto do seu persoal coma da clientela, no interior das sucursais. Sen embargo cremos que nas súas redes de caixeiros automáticos, superficies potencialmente contaminadas e polo tanto de alto risco de contaxio e propagación do virus, ao seren espazos estes moi concurridos ao longo das 24 horas, non se extremaron as medidas de protección suficientes para minimizar o risco de contaxio das súas usuarias e usuarios.

Por todo isto, e a fin de preservar, previr e garantir a saúde e seguridade das usuarias e usuarios da rede de caixeiros automáticos das súas oficinas bancarias de Viveiro, SOLICITAMOS un maior esforzo, por parte da súa entidade bancaria, a través da posta en marcha dun protocolo de prevención de contaxio nos caixeiros automáticos, extremando as medidas de hixiene e limpeza e adoptando medidas de protección para previr a propagación do virus entre a súa clientela, a través da instalación, por exemplo, de dispensadores de xel antibacterial, luvas, papel, ou calquera outro elemento de protección recomendado polas autoridades sanitarias.

Exit mobile version