Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG ofrece colaboración con todas as administracións para loitar contra o coronavirus e pide lealdade e coordinación á Xunta no pleno de aprobación do Plan Único

  Lugo, 2 de abril de 2020. O pleno provincial deste xoves, celebrado por vía telemática, deu luz verde ao Plan Único, que achegará de 21,3 millóns de euros aos concellos da provincia e que se adaptou á situación xerada pola pandemia do coronavirus Covid-19.
Os concellos poderán dedicar o 50% da contía que reciban a financiar medidas orientadas a paliar a emerxencia sanitaria e o seu impacto económico e social. Así, en cifras totais, disporán duns 10,6 millóns de euros para esta finalidade.
O voceiro do BNG, Efrén Castro, explicou que “decidimos habilitar esta fórmula para que os concellos teñan liberdade para asumir gastos relacionados con esta loita. Evidentemente nun ano coma este, marcado pola pandemia, haberá que decidir onde se invisten os cartos e seguramente se perderán algunhas inversións en infraestruturas novas pero a prioridade é saír desta situación o máis axiña e o mellor posible”.
Nesa liña, o deputado nacionalista sinalou a disposición do BNG a colaborar con “todas as administracións, desde a lealdade”. “Necesita algo a Xunta de Galiza desta Deputación? Pídano”, dixo Efrén Castro en varias ocasións ás deputadas e deputados do Partido Popular . “Exerzan todas as competencias que ten a Xunta de Galiza e se necesitan colaboración pídana, pero sexan leais e coordinen porque están deixando a moita xente abandonada polo camiño” , concluíu.
300 mil euros máis e protección dos dereitos laborais
O importe total do Plan Único, que distribúe o diñeiro atendendo a criterios obxectivos como a poboación, a extensión territorial, a dispersión e o envellecemento, incrementase en 300 mil euros con respecto ao 2019. “Fixemos un esforzo por incrementar a dotación pero quero recordar que esta Deputación destina 9 millóns de euros aos centros de maiores, dando un servizo que é competencia exclusiva da Xunta de Galiza”, valorou o deputado nacionalista
As bases do Plan Único incorporan unha claúsula que incide no cumprimento dos convenios colectivos sectoriais por parte das empresas que presten servizos financiados cos fondos da Deputación. Un epígrafe adicional que reforza a protección dos dereitos laborais de traballos feminizados como os do SAF ou os das tarefas de limpeza.
Agradecemento
Efrén Castro tamén trasmitiu o recoñecemento da formación nacionalista ás traballadoras e aos traballadores do sistema sanitario, dos supermercados, da limpeza, do transporte ou do campo. “Sectores precarizados que agora, máis ca nunca, se demostra que son esenciais”

Exit mobile version