Site icon Crónica3.com A Mariña

“O mellor e o peor de nós”, por Jorge Díaz Freije

Van máis de tres meses desde que un patóxeno novo está perforando unha enorme vía ou fenda no casco de flotación do transatlántico mundial da humanidade. A tripulación que somos, todos e todas, estamos clausurados nos camarotes aínda que en diferentes cubertas e con distintas pasaxes. Este encerro fainos sacar, ou dito doutra forma, xermolar o mellor e o peor de nós.
O positivo agroma con enorme puntualidade todos os días ás oito do serán, cun son producido de bater as mans e transmitindo un eco real e masivo desde as fiestras ou balconadas para ser escoitado en todos os recunchos do País ou do Estado. Dedicado a todo o persoal que está a pé de obra: que cura, que protexe, que colabora, que transporta, que repón, etcétera. En fin o que nos coida aínda co temor a seren contaxiados. Esta transversabilidade sumatoria tamén está latente no comportamento xeral de cada un dos presentes, algo tan bo, que fai levadíos estes tempos de clausura, despuntando unha actitude propia e comparada cunha saída dunha cova, que á súa vez está mergullada de incógnitas e incertezas despois de premer este botón vermello de pausa. En fin, seguro que se me esquecen milleiros de cousas positivas, pero no plano persoal non podo esquecer esas apertas, con eses bicos, con eses abrazos que agora deixamos de expresar ou de dar sen máis; algo tan humano que boto en falla en determinadas ocasións, alleas das convivencias persoais que agora prevalecen. Espero que este desexo volva pronto ás nosas despensas particulares e as troquemos por baldas baleiras impregnadas de rancores e falsidades, que agora abundan.
Como en todo, para facer contrapeso, no eido negativo desta pandemia está o gran desastre de perdas humanas, os milleiros de vidas perdidas, todas elas despedidas inhumanamente. Algo que nos vai e debe marcar como especie, non poder despedir aos nosos seres máis queridos; unhas derradeiras verbas de querer, un derradeiro adeus, unha derradeira aperta, un derradeiro aloumiño, innumerables bicos que fican no aire. Este sentimento fai sacar o peor de nós, sobre todo coa xente que nos apoiou en todo momento, eses anciáns que non tiñan pero si que daban porque si que o tiñan. E esta sociedade despídeos esquecidos e atropelados; e nalgúns casos amontoados, algo que ninguén se merece.
Negativamente no que se refire ao desencanto político que está a proliferar por algunhas decisións, tanto nos diferentes gobernos competentes coma na variada oposición. Unha delas é a de introducir a néboa de guerra no reconto diario dos casos, tanto infectados como recuperados ou finados, en todos aos ámbitos de responsabilidade políticos e nas distintas administracións da súa competencia. Camuflar esta traxedia fainos incrédulos e vítimas da desconfianza en todos os actos diarios, estar nunha roda permanente de decaemento a calquera consello que vén da estirpe gobernante. Primar a saúde da cidadanía é o primordial, pero sen colaboración, sen apoio, sen compromiso serio e sen mellora de dirixentes mundiais vainos ser imposible saír impunes e non aprender lección algunha desta parálise mundial no entorno político, ata ao de agora visto. A solución que levan a cabo algúns é mercar a confianza da cidadanía a base de regalar máscaras; é dicir volver ás cloacas da política. Remato con esperanzas postas en que isto mude positivamente, visto que a ciencia está a rescatarnos desta lameira social.

Exit mobile version