Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro insta á Deputación a establecer con urxencia vías de apoio económico ao comercio

 Viveiro, 17 de abril de 2020. O portavoz do PP en Viveiro, Óscar Rodríguez, participou na reunión telemática mantida esta tarde polos representantes da corporación municipal con presidentes de asociacións de comerciantes para analizar a situación creada no sector pola crise sanitaria, así como para estudar como abordar a reactivación do mesmo en canto finalice o confinamento. A representación empresarial estivo integrada por: Dolores Pérez, presidenta da asociación do Centro Comercial Casco Histórico; Domingo González, da asociación Beiras de Viveiro (Covas-Cantarrana) e por José Carlos Paleo, da Federación de Comercio da Mariña. Rodríguez considera que a Deputación debe establecer con urxencia vías de apoio económico ao sector no municipio.

O popular Óscar Rodríguez, veterano comerciante viveirense, deixou claro que coñece ben a problemática do sector porque a vive en primeira persoa. Expresou o seu total apoio ás demandas dos representantes dos comerciantes. Entre outras medidas, queren que se reduza a presión tributaria no que atinxe ao Concello, mediante a suspensión ou aprazamento de impostos e taxas, segundo os casos, como recollida de lixo, pasaxes permanentes, terrazas, ocupación de vía pública, etcétera.

Por outro lado, Rodríguez puxo o foco no relevante papel que, ao seu xuízo, lle toca xogar á Deputación. Neste sentido, o portavoz popular di que o organismo provincial goza de moi boa saúde económica. Destacou que ata agora a Deputación non aportou nada de material de protección sanitaria fronte ao coronavirus ao concello de Viveiro e, polo tanto, o seu esforzo económico con respecto a este municipio nesta crise aínda está por facer na súa totalidade. Por iso, considera que a Deputación ten que apoiar ao sector do comercio, decisivo na economía de Viveiro. Nesta liña, recordou que as asociacións de comerciantes reclaman fondos públicos para una campaña potente de promoción.

Exit mobile version