Site icon Crónica3.com A Mariña

O traballo segue no concello de Ribadeo. A delegación de Cultura ten abertas dúas campañas: O IV Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas e o Concurso youtubeir@s

 Ribadeo, 4 de abril de 2020. #Ribadeoquedanacasa, baixo este cancelo agrúpanse as actividades que vinculan directamente as áreas diferentes de traballo do Concello de Ribadeo e as persoas usuarias.
A Área de Cultura ten abertas dúas campañas que poden desenvolverse desde a casa e das que vai dando conta a través do Facebook mais tamén a través das súas listaxes de correo (APEGO e público xeral). Unha é a difusión das bases do IV Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo. As mozas e mozos interesados poden aproveitar este confinamento para crear, por agora obviamente sen prazos de entrega. As disciplinas son o relato curto, a poesía e o debuxo e a contía dos premios é de 300 euros.
Por outra banda, Ribadeo forma parte do proxecto Youtubeir@s, una proposta de vídeos en galego na rede que cada ano vai a máis. Nun momento en que o confinamento nos fogares está a favorecer a creatividade e uso dos móbiles esta idea que levan a termo Concellos, Universidades e Deputacións galegas ponse en marcha no momento idóneo.
A maiores aprovéitase para difundir propostas externas que poden aproveitarse como as dirixidas ás familias a través do programa APEGO, as “pílulas lingüísticas” de CRTVG co seu Dígocho eu, a difusión da programación en aberto de cinema e audiovisual galego, obras de teatro etc.
Por outra banda, e dado que o sector das artes escénicas é dos máis prexudicados coa crise do coronavirus, o Concello de Ribadeo non anula, simplemente adía a súa programación do 2º trimestre que xa tiña en imprenta e que comprendía exposicións, concertos e teatro para público infantil e adulto, entre outras actividades.
EMMeD
O persoal da EMMeD (Escola Municipal de Música e Danza) está en contacto continuo co alumnado ven sexa a través da app de comunicación do centro ou doutras ferramentas que posibilitan o teletraballo. Realizan envío de novo material (partituras, exercizos, vídeos…), imparten algunha clase online e corrixen exercicios que o alumnado lles envía.

Exit mobile version