Site icon Crónica3.com A Mariña

“Tempos revoltos”, por Javier J. Castiñeira

Na Mariña temos a sorte de vivir nun lugar privilexiado, mestura de costa, terras de interior e montaña, ao acougo da serra do Xistral, que fan que a nosa comarca teña un amplo abano de posibilidades para gañar a vida ao mesmo tempo que gozamos dunha sociedade ben equilibrada e cun notable grao de benestar. Tiven a sorte de ser alcalde de Foz, no centro desta comarca, o que me deu durante varios anos  a posibilidade de recoller de primeira man testemuñas e  sentimentos de milleiros de persoas, moitas delas cidadáns doutros lugares que aman a Mariña como nós mesmos.

Unha das mellores experiencias foi poder apreciar dende a ilusión e  inocencia dos rapaces máis mozos ata a sabedoría e a temperanza dos máis maiores, algúns deles centenarios, cos que compartín veladas  inesquecibles. A conclusión que saco destes anos é que esta é unha sociedade forte, onde vive  xente loitadora, optimista e alegre, acostumada a saír adiante a pesares dos múltiples problemas que nos sobreviñeron na nosa historia.  Grandes temporais e galernas, a difícil posguerra, ciclos económicos en decadencia como os sufridos en sectores como a conserva, estaleiros, a minería e mesmo crises importantes no sector primario ou, máis recentemente, na construción.

Somos unha sociedade que sobreviviu, fortalecida, a epidemias e enfermidades similares á que nos está afectando no día de hoxe. Pero de todas se foi saíndo e remontando con traballo, tesón e boa vontade. Estamos nun momento convulso e con incertezas, que coincidirá cos meses do ano da primavera e o verán que teñen acostumados a esta comarca a empuxar e tirar da economía; meses produtivos e de alta ocupación que sen dúbida este ano van estar marcados pola crise do coronavirus. Súmase a isto a falta de competitividade de Alcoa, que non está a vivir o seu mellor momento; ás idas e vidas do sector primario, tanto na pesca como na gandería; a construción, moi afectada aínda pola crise do 2008, e o comercio sumido na loita contra o mercado dixital que o está asoballando.

Con estes datos, un meteorólogo diría que se aproxima unha borrasca potente, con varias frontes que van azoutar á Mariña. Pero aquí, como diciamos antes, sempre soubemos repoñernos, capear o temporal e prepararnos para afrontar a realidade con humildade, traballo e altas doses de creatividade. Sairemos a diante e seguiremos sendo unha comarca punteira da provincia, unha comarca chea de grandes empresarios, excelentes traballadores, repleta de persoas cualificadas e ben preparadas,  que, con algo que se lles axude,  poderán tirar do carro desta frutífera terra lucense. Moito ánimo a todos, paciencia e forza para afrontar este temporal, todos remaremos xuntos e chegaremos a bo porto.

Javier J. Castiñeira
Portavoz do grupo do Partido Popular na Deputación

Exit mobile version