Site icon Crónica3.com A Mariña

Xacobo Casal Villares, gañdor do Concurso de Poesía #cervoquedanacasa

 Cervo, 8 de abril, 2020. “Nos ollos de Celia”, ese é o título do poema gañador da autoría de Xacobo Casal Villares

De lonxe e temeroso vereite tocar entre as fendas dun muro as flores dun pequeno toxo
e de cerca ensinarasme que non haberá pedras que non haberá espiñas
mentres as túas mans procuren sentir o descorrer omnipotente desta e todas as primaveras
e sendo os mesmos ollos que te viron nacer os ollos cos que naciches e miraches a túa nai
sexa a primavera que sexa
a renacida foresta que saibamos deixarche
sei que será túa e será libre
tan libre coma a terra baldeira de nós mesmos que hoxe quixera ensinarche a pisar
tan libre coma un carreiro de bágoas entre eiras coma unha eira de bágoas entre carreiros
empedrados eles reverdecidas elas co recordo de todas as penas que agora quixeramos deixar atrás

serás libre meu amor serás canción sen tempo serás verso sen medida
serás un concerto de campás gaitas bombos e tambores en día de festa
serás un pulo entre todas as nenas pulando
entre tódalas voces berrando no patio sen fronteiras que será algún día pobo serás voz
ou serás silencio e quietude porque serás ti e serás o que queiras ser

e cando volva o trigo e o millo ás herdades hoxe desertas
sendo ti terás man aberta en xenerosa sementeira
e cando as nogueiras e os castiñeiros ruxan nos montes abertos
sendo ti repartirás bicos de noces colares de magosto a fraga enteira
e todas as veciñas bailarán ao teu redor o alalá da miña meniña o alén das uvas
viño pan e chourizos cantareiras
e cando o mar asubíe contra o nordeste noso vento
sendo ti retratarás amenceres luminosos sobre a area brétemas esvaecidas na ribeira
e todas as veciñas bailarán ao teu redor o alalá da miña meniña o alén das uvas
viño pan e ourizos cantareira

has cantar libre meu amor has cantar coma faro lúcido no cumio do último peteiro
has cantar coas mans alzadas sen nada que nos deber sen nada que esperar de nós
co horizonte aos teus pés has cantar ti fouce forte gamela pequena auga mariñeira
has cantar ao mundo que non soubemos ser coa felicidade de quen ten os petos baleiros
entón seremos silencio e quietude porque serás libre serás ti da man de todas serás o que queiras ser

Exit mobile version