Desde a alcaldía barreirense explícanlle ao delegado que “desde que se puxo en marcha o servizo de impresión e reparto das tarefas escolares, o persoal municipal imprimiu e repartiu 3106 impresións correspondentes aos CEIP’s de San Cosme e San Miguel, ademais dos libros de fichas de cuarto, quinto e sexto de educación infantil do CEIP de San Miguel. Isto supuxo achegar os recursos educativos a máis de 80 familias do municipio, que puideron contar cos recursos dependentes de educación grazas ao dispositivo organizado desde o Concello de Barreiros.”
Ana Ermida tamén sinala no seu escrito que “o feito de ter que destinar medios propios a realizar tarefas alleas ás competencias municipais, ademais do importante esforzo organizativo, supón un considerable esforzo económico e humano.” Polo que “á vista de que a Xunta de Galicia conta con medios suficientes e os pon a disposición da comunidade educativa”, solicítalle saber se debemos deixar de prestar dito servizo para evitar duplicidades e con ánimo de non interferir nas competencias propias da Administración autonómica, como é a educación.
A misiva finaliza manifestando que “é vontade deste Concello axudar ás veciñas e veciños tentando poñer á súa disposición mesmo os medios que non se acheguen por outras administracións, sempre que a situación local o permita. Mais non consideramos oportuna a duplicidade de recursos destinados a un mesmo fin, podendo atender outras necesidades da poboación que poidan xurdir e ser atendidas dun xeito máis eficiente. Con esta idea se leva traballando desde o goberno municipal desde o comezo do mandato e, máis se cabe, na crise sanitaria na que aínda nos atopamos inmersos como País. Primando sempre o interese xeral e as necesidades da poboación e fuxindo de carreiras de méritos estériles que só serven para desatender á poboación e colgar medallas a quen ten a obriga de xestionar a situación; polo que a coordinación dos servizos que se prestan entre administracións debera ser prioritaria entre quen ostentamos a responsabilidade de xestionar os recursos públicos.”