Burela é un pobo que se caracteriza ao longo de toda a súa historia polo seu emprendemento e polo dinamismo das súas xentes; así como polo seu carácter acolledor. Na actualidade o noso municipio é referente na Mariña a nivel naval, pesqueiro, sanitario e comercial. E o que aínda é máis importante: somos o núcleo urbano de maior densidade de poboación da comarca.
Pois ben, a pesares destas particularidades que caracterizan ao noso municipio, dende o Concello aínda non se ten ditaminado ningunha medida tanxible de apoio a veciños, autónomos, comerciantes e industriais; a pesares de terllo solicitado en varias ocasións dende esta e outras asociacións.
Exemplo destas medidas solicitadas son a moratoria da taxa do lixo para os locais que permaneceron pechados pola corentena; ou a rebaixa de taxas abusivas coma a da ocupación de vía pública para a construción; cuxa presión fiscal é desorbitada; sendo de ata trinta veces superior á de ouros concellos veciños.
Opacidade
Dende a nosa asociación botamos en falta unha maior transparencia nas xestións do equipo de Goberno. Unha mostra desta opacidade é a referida ao expediente de contratación do servicio de recollida de lixo e limpeza viaria. Carecemos de información sobre esta adxudicación a pesares de tela solicitado por escrito no Concello hai máis dunha semana e tampouco figurar dito contrato no portal de transparencia municipal.
Torrentes
A semana pasada, o Goberno local sorpréndenos co cambio de ubicación de xeito unilateral do mercado semanal para a zona de Torrentes. Pensamos no mercado non só coma unha actividade comercial, se non tamén como un lugar de reunión moi tradicional do noso pobo que semanalmente acolle tamén a veciños doutras vilas e pobos do noso entorno. Por iso, creemos necesario que en momentos tan complicados como o actual, o diálogo, a axuda e a cooperación son fundamentais.; e non a improvisación con medidas prepotentes.
Reafirmámonos na idea de que agora é o momento de apoiar ao comercio local e de proximidade; e defendendo os intereses e o entramado económico e social da nosa vila. Demandamos a redacción dun regulamento do mercado semanal; así como unha ordenanza das terrazas de hostalaría, básicas neste momento .
Resúltanos curioso que agora, o señor alcalde se lembre da existencia de Torrentes, cando o proxecto da unidade de actuación desta zona leva aprobada dende hai 15 anos. A día de hoxe, este proxecto urbanístico tan importante para Burela está sen rematar.
A conta de liquidación deste proceso está pendente de resolver , así como a execución de varias sentencias firmes, coma a do ano 2015 na que se obriga ao Concello a facer unha nova reparcelación.
Isto fai que os propietarios de fincas nesta unidade de actuación teñen os dereitos de “propiedade”, pero están pendentes da ubicación definitiva das súas parcelas e da resolución final de todo o proceso.
Estamos convencidos de que Burela sairá adiante pola súa propia iniciativa e pola dinámica da súa xente e agardamos que os nosos representantes públicos estean á altura nestes momentos tan complicados e complexos.