Site icon Crónica3.com A Mariña

A segunda xornada Máis Rural, Máis Lugo deixa conclusións de utilidade para o deseño de iniciativas fronte á perda de poboación en amplas zonas da provincia

 Lugo, 8 de maio de 2020. A coordinadora da rede de Pueblos Escasamente Poblados del Sur de Europa, Sara Bianchi, e os profesores universitarios Felipe Debasa e Santiago Lago protagonizaron a segunda xornada do ciclo O reto demográfico. Máis rural, máis Lugo, organizado polo PP de Lugo, que, debido as condicións impostas para evitar contaxios na crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19, tivo que celebrarse telematicamente. A presentación dos ponentes correu a cargo da presidenta provincial do PP, Elena Candia, que recordou que a primeira das xornadas celebrouse o pasado mes de febreiro, en Outeiro de Rei, e estivo a cargo da conselleira de Política social, Fabiola García.

A coordinadora da rede Pueblos Escasamente Poblados del Sur de Europa (SSPA), Sara Bianchi, na súa intervención sobre Estrategias y herramientas para las zonas despobladas lembrou a experiencia das terras altas e as illas de Escocia, que é un exemplo a nivel europeo porque está logrando reverter o despoboamento por medio da innovación, a diversificación económica e política estatais e rexionais adaptadas. Partindo desa experiencia SSPA preparou propostas adaptadas a España, organizadas en cinco liñas: reequilibrio territorial, comunicacións e telecomunicacións, actividade económica, servizos á poboación e identidade rural.

Pola súa parte, Felipe Debasa Navalpotro, profesor de Mundo Actual na Universidade Rey Juan Carlos, falou de Lonxevidade e demografía no mundo actual. Recordou que en relación coa lonxevidade vén propoñendo desde 2015 que se analicen as novas ratios de esperanza de vida e que se estea atento ás solucións que propoñen as compañías tecnolóxicas para o aumento da lonxevidade. En relación coa demografía, aludiu aos desafíos desta situación en escenarios nos que ocorreu o despoboamento antes que en España: O pesadelo do soño americano, Detroit, de coches a Tecnho; casas a 1 euro en idílicos pobos de Italia; China, da política do fillo único ao control das migracións. Como solución apuntou o que vén propoñendo desde hai anos, incluíndo referencias á tecnoloxía, entre a que citou Hyperloop.

A súa vez, Santiago Lago Peña, catedrático do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, abordou a súa intervención baixo o título Desenvolvemento económico e demografía. Unha axenda para Galicia desde a evidencia de que “sen poboación non hai desenvolvemento socieoconómico”. Pero é certo, indicou, que “o contrario tamén é verdade”, porque “un e outro van da man, e as políticas públicas deben adaptarse para garantir unha harmonía entre elas”. Porén, “a actual crise de saúde pública está poñendo en evidencia o rol chave do mundo non urbano como fornecedor dos produtos realmente básicos para a cidadanía e está reequilibrando a avaliación dos custes e beneficios dos espazos rurais”. E de este reequilibrio xorde “unha nova oportunidade para estimular o crecemento territorialmente equilibrado de Galicia.”

A próxima xornada do ciclo O Reto Demográfico. Máis Rural, Máis Lugo está prevista para o 5 de xuño. Estas xornadas, como explicou no seu momento a presidenta provincial do PP, Elena Candia, teñen por obxectivo mobilizar ao conxunto da sociedade lucense fronte ao problema do despoboamento e buscar solucións e alternativas viables que permitan garantir o futuro de amplas zonas do rural lucense.

Exit mobile version