Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta colaborará coas direccións dos colexios da provincia para repartir a domicilio os libros e outro material escolar que o alumnado deixou nos centros

Lugo, 6 de maio de 2020. O Posto de Mando Avanzado constituído pola Delegación territorial da Xunta en Lugo acordou a posta en marcha dun dispositivo para colaborar cos colexios da provincia no reparto de libros e outro material escolar para aquelas familias que, con motivo da declaración do estado de alarma, non puideron achegarse ao seu centro e recuperalo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que serán axentes medioambientais voluntarios os encargados de achegar este material aos domicilios das alumas e alumnos. Para interesarse por esta fórmula as familias terán que contactar telefonicamente cos seus centros, que se encargarán de coordinar coa Delegación territorial a recollida e reparto.

A Xunta habilitou esta fórmula para facilitar que todo o alumnado que segue as clases a distancia poida recuperar o seu material de estudo. A administración autonómica busca, na medida do posible, facilitar esta xestión, evitando que as familias teñan que desprazarse ata os centros educativos.

A iniciativa porase en marcha en todos os municipios da provincia excepto no núcleo urbano de Lugo cidade (si nas parroquias do rural), ao tratarse dun entorno urbano onde é máis factible o desprazamento. Algúns colexios da provincia xa efectuaron este reparto e noutros municipios colaborou na súa distribución persoal municipal ou de emerxencias.

Exit mobile version