O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os cortes realizaranse mañá martes e o mércores, entre as 8,30 e as 20,00 horas, dende o punto quilométrico 94,500 ata o 95,350. Haberá un itinerario alternativo que discorrerá pola Urbanización Palmeiro e as estradas LU-P-2604 e LU-862.
Esta medida é necesaria para retirar as árbores situadas no noiro da estrada ao longo de 330 metros (entre os puntos 94,440 e 94,770), ao tratarse de exemplares de grandes dimensións e próximos á vía férrea de FEVE. Estas circunstancias obrigan a dirixir a caída das árbores sobre a plataforma da estrada, sendo imprescindible cortar completamente o tráfico rodado mentres duren os traballos de tala, desrame, retirada de madeira e da biomasa e limpeza final dos restos. A estrada quedará completamente transitable e libre de obstáculos en todo momento en que non se estean a realizar traballos en ela.
Cómpre lembrar que a Xunta está a executar estes labores de limpeza de marxes en tres estradas da rede autonómica na Mariña: a citada LU-862 (Ferrol-San Cibrao), A VAP da Costa e a LU-540 (Viveiro-Cabreiros).
No conxunto da provincia está a investir 512.600 euros nesta iniciativa, que executa a través da empresa pública Seaga en 26,7 quilómetros, asumindo as estradas da Mariña o 50%. O obxectivo é reducir os riscos en caso de incendios e mellorar a seguridade viaria.