Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta informa ao tecido empresarial de Lugo das medidas activadas para garantir a liquidez de pemes e autónomos

 Santiago de Compostela, 11 de maio de 2020.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe unha videoconferencia coa directiva da Confederación de Empresarios de Lugo, na que lle informou sobre as medidas xa impulsadas e as que están previsto desenvolverse dentro do plan de reactivación económica. Neste sentido, indicou que agarda que o Goberno central teña en conta as solicitudes realizadas desde Galicia, entre as que se encontra a de que os establecementos de máis de 400 metros cadrados poidan reiniciar a súa actividade reducindo temporalmente a súa superficie comercial a dito límite –exceptuando os que formen parte dun centro ou parque comercial–.

A Administración galega aproveitou esta reunión telemática para avaliar cos representantes do tecido empresarial lucense o plan de reactivación económica, lembrando algunhas das medidas xa impulsadas previamente, como a liña de crédito para garantir a liquidez de pemes e autónomos e na que a Xunta se fai cargo do 100% dos xuros, o aprazamento das cotas de amortización de préstamos xa concedidos, ou a edición e divulgación de guías sectoriais de prevención en materia de seguridade e saúde laboral.

Establecementos comerciais
O conselleiro sinalou que o obxectivo da Xunta é continuar implementando medidas que permitan a reactivación do comercio, polo que agarda que o Goberno central teña en conta as propostas xa presentadas desde Galicia. Ademais de permitir a apertura de establecementos de máis de 400 metros cadrados, sempre que reduzan temporalmente a súa superficie comercial a ese límite, a Xunta propuxo ao Goberno que, ao igual que se permite a apertura dos concesionarios de automoción, se aplique este criterio a establecementos de venda ao por menor de artigos de construción e saneamento e maquinaria industrial e agrícola.

Así mesmo, coincidindo coa reapertura de comercios na Fase 1, o titular de Economía, Emprego e Industria informou de que se porá en marcha unha campaña de divulgación e información de comercio seguro, así como a creación da plataforma Comercio Seguro para que cada comerciante, dun xeito directo e sinxelo, poida realizar un autodiagnóstico en liña coa que se lle facilitan recomendacións básicas sobre que medidas sanitarias e de prevención debe tomar no seu negocio.

Exit mobile version