O Goberno galego segue mantendo todas as axudas e recursos do seu orzamento para atender ás vítimas de violencia de xénero, entre as que se inclúen as prestacións económicas, o asesoramento psicolóxico, de asistencia social e xurídica dos CIM e, no seu caso, o funcionamento das casas de acollida.
Estas foron algunha das medidas avaliadas hoxe no transcurso dunha videoconferencia que mantiveron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, coas representantes dos Centros de Información á Muller da provincia e na que tamén quixeron coñecer as súas achegas e necesidades.
Outro dos asuntos trasladados na xuntanza foi o feito de que o Goberno galego está a traballar no reforzo e reconfiguración dos programas de conciliación da vida laboral e familiar, apoiados pola Xunta, e que adquiren un papel esencial durante os próximos meses. A administración autonómica estuda fórmulas, en colaboración cos concellos, para seguir prestando estes apoios, de xeito especial agora que hai unha progresiva reincorporación á actividade laboral de moitas familias.
Centros de Información á Muller
Cómpre sinalar tamén que a Xunta financia todos os anos o mantemento dos Centros de Información á Muller. En concreto, no que respecta á provincia de Lugo, esta liña de axudas ascendeu na última convocatoria a 493.000 euros e permitiu o mantemento de 28 postos de traballo.
Na nosa provincia permanecen operativos os CIM de Burela, Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.
“Ante a pandemia de coronavirus, todos os centros están funcionando, prestando atención por vía telefónica e telemática, e mesmo ofrecendo atención presencial naqueles casos de maior gravidade”-explicaron desde a Xunta.
Ademais, mantéñense totalmente operativos os centros de acollida ata completar capacidade e tamén se acordou reforzar a colaboración coa Rede galega contra a trata para atender situacións de especial vulnerabilidade causadas pola crise do coronavirus.
Ademais, o Plan de reforzo vixente inclúe, entre outras medidas, como é a ampliación do bono alugueiro social para as vítimas de violencia de xénero, ata poder chegar a asumir a Xunta o pagamento do 100% do alugueiro, para paliar o impacto económico que o estado de alarma poida ter sobre as vítimas.
Tamén continúa activo servizo de atención telefónica 24 horas a mulleres vítimas de violencia de xénero (900400273), que recibe tamén as chamadas procedentes de Galicia que entran a través do 016. Ademais, opera con normalidade o asesoramento xurídico en liña e seguen operativas as terapias de apoio psicolóxico, tanto en atención presencial como a través de sesións telemáticas ou telefónicas, ao igual que o contacto coas vítimas de violencia sexual.
Mantéñense operativos o pago de todas as axudas económicas, que ademais seguirán a tramitarse na sede electrónica da Xunta.