Site icon Crónica3.com A Mariña

“Arranxo das estradas si, transferencia non”, por Carlos Fernández Louzao

Comezaron as obras nas estradas da Deputación de Lugo ubicadas no municipio de Xove, concretamente na que conduce de Xove “capital” ao Portiño de Morás. No pleno que acaba de celebrarse nesa entidade provincial, o grupo do PP presentou unha moción para que se acometa o arranxo das outras estradas do noso concello pertencentes á Deputación, todo isto en base a un suposto acordo xa existente entre o executivo municipal e o goberno provincial da anterior lexislatura. Nese acordo estásenos intentando colar algo que dende o BNG de Xove consideramos inadmisible: que unha vez arranxadas as estradas, o seu mantemento íntegro corra a cargo do Concello de Xove, pois as vías pasarían a ser de titularidade municipal.
As estradas da provincia deberían continuar sendo provinciais. Parécenos ben que exista un convenio puntual para o arranxo destas vías no que se participe ao 50% entre as administracións provincial e local. Xa era hora que o PP de Xove se dispuxera a facelo tras a multitude de veces que o grupo nacionalista llo pediu e tendo en conta que o noso Concello posúe un orzamento anual de case 10 millóns de euros e un remanente doutros 14 millóns nos bancos. Pero que se transfira a titularidade das estradas provinciais ao noso municipio, con todo o investimento de futuro que iso supón, é pan para hoxe e fame para mañá. Despois laiarémonos de que ao resto de localidades limítrofes lles veñan amañar as estradas a custo cero. E mentres, a veciñanza de Xove terá que pagar unha factura allea debido a ese pésimo acordo curtopracista que negociou o Partido Popular xovense.
Hai que deixar claro que, se a moción do PP tivera éxito, este penoso acordo converteríase nunha hipoteca vitalicia que teriamos que pagar para sempre, e non queremos pensar o que pasaría se finalmente se cumpren os peores augurios do propio PP (tal e como están a manifestar ultimamente de forma reiterada na prensa) e Alcoa acaba tendo dificultades para subsistir.
Non vos deixedes convencer polos cantos de serea dos populares. Levamos demasiados anos padecendo a súa pésima xestión e agora pretenden facer o peor negocio posible para reformar a vías de comunicación provinciais ubicadas en Xove. Que quede ben claro: acordo para o arranxo das estradas, SI; transferencia da titularidade, NON!

Carlos Fernández Louzao. BNG Xove

Exit mobile version