Site icon Crónica3.com A Mariña

As farmacias da provincia distribúen mascarillas de balde enviadas pola Xunta para os colectivos máis desfavorecidos

 Lugo, 11 de maio de 2020. As farmacias da provincia de Lugo, ao igual que o conxunto das galegas, continúan esta semana coa distribución das mascarillas facilitadas pola Xunta, que se lles entregarán a persoas pertencentes aos colectivos nunha situación máis vulnerable.

O criterio marcado polo Goberno autonómico é que se entregue unha soa vez un único paquete de tres unidades para cada persoa que o solicite e sempre que se cumpra algún dos seguintes requisitos: ou ben ser unha persoa con dereito a gratuidade total do medicamento ou ben ser pensionista que non supere o copagamento mensual de 8,23€. ​

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que nas boticas luguesas xa se están a repartir desde primeira hora do venres a aquelas persoas que as solicitan e cumpren os requisitos -as farmacias poden constatalo comprobando a tarxeta sanitaria-, o que dá dereito a obter de balde un paquete con tres mascarillas cirúrxicas dun só uso, acompañado das correspondentes instrucións sobre cando utilizalas e como facelo de xeito seguro.

Cómpre lembrar que polo momento o uso das máscaras só é obrigatorio no transporte público e as autoridades sanitarias seguen insistindo en que as medidas preventivas máis eficaces son o distanciamento social de alomenos 2 metros, o lavado frecuente das mans, esbirrar contra panos desbotables e non tocar os ollos, a boca ou o nariz. Con todo, tamén recomendan usalas para ir á compra, no coche acompañado ou naqueles espazos nos que sexa complicado manter o distanciamento social.

Exit mobile version