O novo decreto da Consellería do Medio Rural terá un especial impacto na provincia de Lugo, onde esta actividade económica xoga un relevante papel. Na xuntanza por videoconferencia, o delegado explicou que a declaración responsable consolídase como a vía principal para poder traballar no monte, logo de ter demostrado a súa eficacia. O pasado ano, detallou, presentáronse na provincia 26.137 solicitudes de aproveitamento forestal, e pouco máis da terceira parte requiriron autorización previa (o 35,5%). En canto ao volume de madeira resultante deses aproveitamentos, ascendeu a 3,6 millóns de metros cúbicos, o 57% tramitado mediante a declaración responsable.
Este mecanismo habilita para realizar o aproveitamento dende o mesmo momento da súa presentación, de maneira inmediata. Pero incluso no caso de requirir autorización previa, a nova norma acurtará o prazo de tramitación a un máximo de dous meses.
Na mesma liña, Balseiro sinalou que Lugo ensaia unha “xanela única” grazas a un convenio subscrito coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que permite ao administrado realizar unicamente o trámite coa Xunta de Galicia e obter autorización deste organismo estatal. Vaise traballar na sinatura de novos convenios con outros organismos para estender a medida a todo o territorio.
Medidas polo Covid-19
Na xuntanza tamén se valorou a situación xerada pola crise do Covid-19 e as medidas adoptadas en relación co sector. Balseiro lembrou que “a seguridade é primordial nestes momentos” e para elo a Xunta elaborou –a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia- unha guía con recomendacións preventivas específicas para desenvolver a actividade forestal, de fácil consulta na súa páxina web.
Igualmente, a Axencia Galega de Industrias Forestais foi un dos organismos da Xunta que colaborou co reparto de mascarillas ás empresas galegas, e o que impulsou a flexibilización das restricións para a apertura ao público de establecementos e locais comerciais minoristas con superficie útil de exposición superior a 400m2, acotando o espazoreaberto ao público a esta superficie. Isto permite a apertura de establecementos de grandes cadeas de bricolaxe e almacéns de madeira de venta ao detalle reactivando a demanda de productos dentro da cadea.
Por último, convocáronse distintas axudas para o sector, tanto para formación -dotada con 500.000 euros- como para equipamentos -cun orzamento de 10,4 millóns de euros-, e proximamente publicarase outro programa de apoios para a valorización e a segunda transformación das pequenas e medianas empresas da segunda transformación cun orzamento de 2 millóns de euros.