Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro explica que a Xunta completou os test a todos os usuarios e traballadores das residencias e gabou a súa colaboración e esforzo nos últimos meses

Lugo, 11 de maio de 2020. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia con responsables de residencias de maiores da provincia de Lugo para valorar a situación actual e as liñas de traballo. Balseiro informoulles de que xa se realizaron os test do Covid-19 á totalidade de usuarios e traballadores dos centros asistenciais da provincia de Lugo, e agradeceu “a colaboración e o enorme esforzo que todos eles están a facer durante os últimos dous meses”.

Concluíu os barridos no 100% das residencias
Balseiro subliñou que o intenso labor desenvolvido está axudando á paulatina contención do virus nas residencias, que a data de hoxe rexistran nove positivos en toda a provincia. En concreto, do total de 2.796 usuarios hai sete contaxiados, ademais de dous traballadores. Na xuntanza participaron os representantes dos centros de maiores de Paradela, Outeiro de Rei, Baleira, Xove, Vilalba, Sober e Riotorto, todos eles sen casos actualmente.

O delegado afirmou que dende a declaración do estado de alarma “a Xunta cooperou de forma moi estreita con todas as residencias da provincia, con independencia da súa titularidade, porque son puntos moi vulnerables nesta pandemia”.

Así, os operarios do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural aplican cada poucos días tratamentos de desinfección na contorna exterior das residencias, e tamén dos centros de saúde.

Novo reparto
Igualmente, o Goberno galego leva subministrado ás residencias de Lugo preto de medio millón de unidades de material de protección contra o coronavirus. Esta semana ten previsto realizar un novo reparto consistente en 61.078 unidades, entre eles, 28.740 guantes, 38.350 mascarillas cirúrxicas, 180 mascarillas FFP2, 245 botes de xel, 1.000 calzas, 700 gorros, 1.613 batas e outro material variado (mandís, gafas, …etc)

Exit mobile version