Os populares solicitaron un pleno extraordinario á vista de que o presidente da Deputación, José Tomé, non convocou sesión ordinaria en abril e rexeitou teimosamente as solicitudes do PP para que convocara unha reunión da xunta de portavoces; unha reunión cuxa finalidade sería a de analizar a situación na que se atopa a provincia a causa da dobre crise, sanitaria e económica, e establecer medidas de intervención directa do organismo provincial para axudar aos lucenses a superar a actual conxuntura. Unha das medidas que os populares defenderán no pleno extraordinario e a constitución dunha comisión formada por todos os grupos políticos e por representantes dos sectores produtivos e sociais, que debe ser a encargada de deseñar as medidas a adoptar pola Deputación, e avaliar o seu desenvolvemento.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, recorda que o obxectivo do seu grupo é que a Deputación utilice os remanentes de que dispón para establecer axudas a empresas e autónomos; en síntese, ao tecido produtivo. “E hai que facelo canto antes, porque os lucenses precisan estas axudas e porque, se o Goberno avanza na liña esbozada pola ministra de Facenda, é moi posible que queira facerse cargo dos remanentes para os fins que considere máis adecuados”. Explica: “Se o Goberno fai tal cousa irá contra o principio de autonomía local recollido na Constitución. Pero o peor e que deixaría ao organismo provincial sen uns recursos que teñen que ser fundamentais para axudar aos nosos veciños a superar unha crise que xa crea e vai crear moitas dificultades en Lugo”.
O Plan Poscovid ten que incluír -di Castiñeira- unha decidida intervención na creación directa de emprego. Ademais do emprego que se derive da contratación de obras e servizos pola Deputación, é preciso estudar baixo que fórmulas se pode ampliar a contratación de traballadores pola Deputación.
O portavoz do PP insiste en ofrecer a súa colaboración e traballo para axudar aos lucenses a superar canto antes a crise sanitaria e as súas consecuencias económicas.