Compostela, 15 de maio, 2020. A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia cualifica de «propaganda electoral» as declaracións da Xunta sobre o reforzamento da atención primaria. Unha vez máis, o Goberno galego utiliza os medios de comunicación para facer os seus anuncios, desprezando os profesionais da saúde e a súa representación legal. Nesta ocasión, para anunciar un Plan de reactivación da asistencia na atención primaria «que non se poderá cumprir», asegura o sindicato.
Nas ditas declaracións, desde a Xunta comprometíanse coa sanidade pública e coa súa primeira porta de acceso, a atención primaria, reforzándoa tanto para a nova situación que xerou o COVID-19, como para atender a demanda asistencial que a crise sanitaria obrigou a adiar. Para isto, ampliaríanse os horarios dos centros de saúde e reorganizaríanse servizos.
Porén, a realidade nas diferentes áreas sanitarias, como confirman as propias Xerencias, dista moito do anunciado polo Goberno galego: non haberá ningún reforzamento de persoal para os centros de saúde, nin sequera no que atangue á limpeza das instalacións, algo fundamental na loita contra o coronavirus, xa que a limpeza e a hixiene son a barreira de contención máis eficaz.
Na práctica, a Xunta permite que os centros de saúde se limpen só unha vez ao día, ao careceren os centros de saúde do servizo de limpeza. Isto suscita «varios interrogantes e serias preocupacións» ante as situacións que se poderían dar polo uso dos aseos ou outras zonas comúns por parte de doentes sospeitosos de padeceren o COVID-19.
CCOO critica que as supostas medidas de reforzo da Xunta de Galicia consistan, realmente, en «sobrecargar aínda máis» os profesionais que xa prestan servizos na atención primaria, «os mesmos que ata hai poucos días definían como heroínas e heroes». Deste xeito, a «recompensa» da Administración sanitaria será cambiarlles as súas quendas de traballo, restrinxirlles o goce das súas vacacións e mesmo «racionarlles» o uso de equipos de protección individual.
A Federación de Sanidade de CCOO insta a Xunta a «deixar de facer política electoral» coas súas medidas, que non «negocie de costas» ao persoal e que os traballadores e traballadoras da saúde «queremos dereitos, non aplausos». O sindicato trasladaralle hoxe estas reivindicacións ao Sergas na reunión do comité central de seguridade e saúde.