Site icon Crónica3.com A Mariña

Declaración do Goberno da Deputación de Lugo polo Primeiro de Maio

Lugo, 1 de maio de 2020. Vivimos hoxe un Primeiro de Maio atípico, marcado por unha situación de crise sanitaria que ten alterado radicalmente as nosas vidas e o funcionamento do noso tecido socioeconómico.
Nesta data, resulta obrigado, en primeiro lugar, facer un recoñecemento a todas as persoas traballadoras que faleceron a consecuencia da pandemia do coronavirus. Do mesmo xeito, merecen unha mención especial todos aqueles traballadores e traballadoras aos que a crise da COVID-19 obrigou a facer un esforzo especial. Persoal sociosanitario, de limpeza, persoal do sector agroalimentario, do comercio de alimentación e produtos básicos, do transporte, telecomunicacións, vixilancia de seguridade, corpos e forzas de seguridade… É de xustiza recoñecer un compromiso exemplar, que permitiu que o resto da cidadanía poidamos vivir o confinamento nas mellores condicións posibles.
Tamén todos os traballadores e traballadoras que tiveron que modificar as súas rutinas habituais, reducir as súas xornadas de traballo ou traballar dende a casa. E, por suposto, a todos os homes e mulleres que quedaron sen emprego debido ao impacto brutal que provocou esta crise no mercado laboral. A incerteza xera unha comprensible inquedanza, na persoa e no seu entorno familiar.
Dende a Deputación de Lugo queremos facer un chamamento á unidade. Xuntos estamos loitando contra unha situación sanitaria inédita, e xuntos debemos traballar pola recuperación socioeconómica e laboral da nosa provincia e do conxunto do país.
Só unindo esforzos conseguiremos que a paulatina volta á normalidade non deixe a ninguén atrás e que o tempo da recuperación da actividade económica sexa o menor posible. Temos que aproveitar ademais a situación xerada para aprender da experiencia e mellorar as características do noso Estado do Benestar, do noso mercado laboral e do noso tecido produtivo.
A crise amosou, unha vez máis, que un Estado do Benestar sólido, uns servizos públicos de calidade e un sistema de protección social que non deixa á cidadanía á súa sorte son fundamentais para a cohesión social e a prosperidade dun país. Sanidade, ensino e servizos sociais son os tres puntais imprescindibles que definen o noso modelo de sociedade. E convértense nos mellores garantes de resistencia en situacións excepcionais coma esta.
Recortes, precariedade laboral, abuso da temporalidade, falta de investimento nas políticas activas de emprego e no I+D ou modelos de privatización que priman o beneficio fronte a calidade do servizo eran problemas que xa tiñamos enriba da mesa antes da chegada da COVID-19. O acontecido estas semanas confirma a necesidade de resolver estas deficiencias e reforzar, como ferramenta ante futuras ameazas, a aposta polos servizos públicos de calidade como unha estratexia fundamental en Galicia.
A necesidade dun plan de industrialización realista, baseado nas novas tecnoloxías, na investigación e na innovación, e respectuoso co medio ambiente, xa estaba tamén enriba da mesa na nosa provincia. Agora, ese plan é aínda máis urxente, e dende a Deputación ofrecemos colaboración coa Xunta de Galicia, á que lle corresponde a iniciativa e o liderado neste tema.
Tamén liderada pola Administración autonómica, é precisa unha estratexia de apoio ás PEMEs e autónomos, aos sectores produtivos, o comercio, o turismo, o lecer e a cultura, os máis danados por esta crise, para dotalos de liquidez e ferramentas para soportar esta crise e afrontar con máis recursos de resistencia futuras posibles ameazas.
A loita contra a pandemia amosou a nosa capacidade para traballar xuntos, para a solidariedade e o compromiso. Compre que estes valores presidan tamén a volta á normalidade. É preciso un compromiso conxunto para que o custo da crise non o paguen os de sempre, os traballadores e traballadoras, con novos recortes salariais, precariedade ou incerteza. Temos que manter a cultura da solidariedade e darlle un novo significado á aposta polos produtos de proximidade, polos selos de calidade, por achegar de novo a produción de bens ao noso entorno.

Exit mobile version