As actuacións contemplan unha parte programada de xeito específico para a mellora da eficiencia enerxética do centro, a través do illamento polo exterior mediante sistema SATE e do forxado baixo cuberta con paneis de la de roca 10 centímetros. Así mesmo mudaranse as fiestras actuais por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Tamén se substitúen as caixas de persianas, por un sistema “monoblock” con illamento incorporado e instalaranse novas luminarias con tecnoloxía LED, con detector de presencia en zonas comúns.
A maiores, colocaranse falsos teitos nos locais que carecen del (salvo corredores e vestíbulos), renovaranse os aseos de profesorado e alumnado da planta alta, repararanse e pintaranse os paramentos interiores, lacaranse as portas, pulirase o chan de terrazo e colocarase novo vinílico nas aulas da planta primeira, en substitución do existente.
Ademais, instalarase un ascensor para mellorar a accesibilidade do centro e ampliarase e renovarase o ximnasio (incluídos os servizos hixiénicos anexos.)