“O único interese que ten o Partido Popular no levantamento do Estado de alarma é un interese electoral. En Galicia, para que Feijóo poida convocar as eleccións autonómicas na data que máis lle convén a el, non ao país. E no resto do Estado, pola estratexia electoral de Pablo Casado, que só consiste en desgastar ao Goberno utilizando para iso a epidemia da Covid-19”, dixo.
Gómez Reino explicou que esa actitude, que sitúa a Feijóo e a Casado “ao lado de VOX”, está poñendo en perigo “o esforzo colectivo que teñen levado adiante os galegos e as galegas”. “Facemos un chamamento a esa responsabilidade colectiva. Non podemos baixar a garda agora. As eleccións ao Parlamento de Galicia só se poden celebrar en condicións de normalidade sanitaria e democrática”.
O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que Feijóo incumprira onte, de novo, o seu compromiso de reunir ás responsables das forzas políticas de Galicia e que faltara, unha vez mais, á súa palabra.
“É unha burla á cidadanía galega”, engadiu.
Gómez Reino lembrou que a única estratexia do presidente da Xunta durante a emerxencia sanitaria consistiu en “desprezar” á oposición e ao Parlamento de Galicia, en dificultar o traballo do Goberno central con críticas sistemáticas e destrutivas sen ofrecer alternativas razoables, e en obstaculizar a tarefa dos expertos negándose a facilitarlles os datos que reclaman sobre a evolución da epidemia.
“Feijóo pide diálogo pero négase a reunirse coa oposición; pide transparencia e oculta datos, critica o plan da desescalada do Goberno pero non propón ningunha alternativa… O único que pretende é sacar rédito electoral desta crise”, concluíu.