O portavoz popular sinalou: “Desgraciadamente, vemos que se cumpre o que avanzamos o martes no pleno da Deputación, durante a defensa da nosa moción sobre a competitividade de Alcoa, á que PSOE e BNG votaron en contra. Vendo as declaracións do presidente da Deputación, só podemos estar totalmente en contra da súa opinión. Vemos moi pouca autocrítica sobre a súa xestión neste asunto. Estivo coas mans paradas durante tres meses e o Goberno socialista co estatuto metido nos caixóns da Moncloa durante ano e medio. Quen verdadeiramente enganou aos veciños foi o Goberno socialista, cuxos representantes estiveron en varias veces en San Cibrao, para dicir que ían aprobar o estatuto electrointensivo e aínda non está aprobado. Loxicamente, a empresa terá os seus intereses, pero non se pode dar gasolina para incendiar aínda máis este asunto e a gasolina é non ter aprobado o estatuto electrointensivo, que é algo que prexudica a Alcoa e a outras moitas empresas grandes consumidoras de enerxía eléctrica en Galicia”.
Os populares poñen tamén a vista na chamada lei do cambio climático, de transición enerxética, á hora de fixar as responsabilidades atribuíbles ao Goberno no desastre que para A Mariña e para o conxunto de Lugo é a situación na que se atopa Alcoa, coa conseguinte perda de emprego que vai supoñer. Castiñeira sinala: “A intransixencia enerxética do Goberno socialista está provocando a caída da industria galega, da industria lucense. Así o comprobamos en Endesa-As Pontes, que pechou, e está pasando con Alcoa. Ao Goberno non lle interesa a industria lucense. Vemos moi pouca autocrítica por parte do presidente da Deputación, que nestes dous meses, desde o pleno no que os traballadores esixiron á Deputación que mediase para que se aprobase canto antes o estatuto para empresas electrointensivas, non foron capaces de facer nada”.