Segundo recollen algúns medios, Tomé asegura que a convocatoria das eleccións autonómicas responde máis a unha estratexia do PP e de Feijóo que as necesidades reais dos galegos, nun momento delicado sanitariamente. O portavoz provincial do PP declarou: “O señor Caballero non se aclara, vive nunha contradición permanente instalado nunha realidade virtual que pouco ou nada ten que ver coa realidade dos galegos. A pesar de todo, é consciente, porque xa lle quedou claro ata a el, que se como oposición non ten capacidade para enfrontarse a debates co presidente da Xunta, moito menos a ten para competir electoralmente. E bota man, cando pode, de Tomé para intentar dar ás súas mensaxes a credibilidade que saben que non teñen”
Para o portavoz dos populares, a inmensa maioría dos galegos saben que Alberto Núñez Feijóo non tomaría ningunha decisión con posibilidades de poñelos en perigo. E tamén saben, despois de ver como actúa o Goberno de Pedro Sánchez, que os socialistas non son nada fiables, e que o mesmo que agora critican a convocatoria electoral, acusarían a Feijóo de intentar manterse na presidencia a calquera prezo se non as convocara dentro do marco da lexislatura, e “non hai que esquecer que todo indica que se hai rebrote na pandemia será aproximadamente en outubro”. Engadiu: “En Galicia sabemos que expertos asesoran á Xunta, pero non conseguimos saber cales son os que están detrás das decisións do Goberno de Sánchez, se é que hai algún”. Neste contexto, Castiñeira recoñece que Tomé terá por diante un difícil papel nas próximas semanas “cada vez que teña que acudir en auxilio de Caballero, secretario xeral do PSdeG e candidato á presidencia da Xunta”.