Sen embargo, malia que as intencións eran boas, ADEGA e Mariña Patrimonio detectaron que os límites marcados dun considerable número de xacementos arqueolóxicos non se corresponden cos seus límites xeográficos reais, poñendo en risco esas zonas arqueolóxicas que deberan estar protexidas. Os erros detectados, malia non ser xeneralizados, afectan a unha considerable parte do territorio galego e resulta especialmente rechamante que os límites de xacementos situados en concellos onde está aprobado o Plan Xeral de Ordenación Municipal non coincidan coa delimitación contemplada no catálogo de xacementos delimitados dos PXOM. Un exemplo ilustrativo deste feito é o caso do concello de Ribadeo onde, dos oito castros catalogados no seu PXOM, sete están mal delimitados no visor. Outro caso significativo é o do Castro do Coto da Vela do concello de Xove que, segundo o visor xeográfico da Xunta, conta cunha superficie de 0,45 hectáreas, cando en realidade ocupa unha extensión de 6 hectáreas, deixando 5,55 hectáreas do castro sen protección.
Por tanto, ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de solicitar á Consellaría de Medio Ambiente que retire de toda circulación pública, tamén do visor de aproveitamentos forestais da Xunta, a información xeográfica presuntamente “actualizada” do Patrimonio Cultural de Galiza, mentres a Consellaría de Cultura non faga unha profunda e completa revisión desa información e non repare os erros de delimitación e xeolocalización atopados. Así mesmo, requirimos tamén á Consellaría de Medio Rural que non outorgue autorizacións para cortas ou plantacións forestais naqueles predios nos que non estea garantida a protección e a correcta delimitación de xacementos e doutros elementos patrimoniais. Doutro xeito, tanto a Consellaría de Medio Rural como a de Cultura poderían estar favorecendo a destrución de xacementos arqueolóxicos catalogados e protexidos e que os propietarios forestais se enfronten a elevadas sancións. Podería darse o paradoxo de que os propietarios de monte que consulten o visor de aproveitamentos forestais da Xunta para determinar a presenza dalgún xacemento arqueolóxico nas súas fincas acaben sendo sancionados por infraccións en materia de protección patrimonial ao afectar algún xacemento mal delimitado pola Xunta. Mentres non se realice a revisión da actualización dos datos dos límites xeográficos dos elementos patrimoniais do país, deberían prevalecer os que figuran nos Plans Xerais de Ordenación municipal ou no Plan Básico Autonómico.