Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Ribadeo asegura que os medios empregados no incendio rexistrado este mércores foron os axeitados para a súa extinción

 Ribadeo, 28 de maio de 2020. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que os medios empregados para apagar o incendio que se rexistrou na xornada de onte foron os axeitados. O rexedor resposta así ao PP por ter cuestionado “a actuación modélica e exemplar do Concello de Ribadeo na loita contra os lumes” e pregúntalle ao voceiro popular por qué a Xunta non se ofreceu a colaborar co Concello en todo o proceso de limpeza de fincas levado adiante nos últimos anos.
Suárez Barcia dixo que “a política en materia de extinción de incendios forestais recae na Xunta de Galicia reservando para os Concellos o papel de apoio, que é o que sempre facemos. Este Concello aproveita as convocatorias de persoal tanto para o manexo da motobomba como tamén para o traballo nos desbroces, que son por certo ben cativas as porcentaxes de subvención que a Xunta nos aporta e sendo sempre dirixidas e orientadas á época de verán, é dicir, no verán no que aínda evidentemente non estamos”.
O alcalde sinalou que “en canto aos medios municipais, habitualmente dispoñemos de dous vehículos. Contamos cun camión contra incendios, que leva uns días fora de servizo por un problema mecánico, rompeulle a bomba, que non se puido resolver ata agora pola falta de pezas derivada desta situación de alarma na que nos atopamos, xa que os provedores non puideron subministrar ao taller as pezas que se necesitan. Ademais o Concello ten un camión pequeno que funcionou perfectamente e que se achegou ata alí para colaborar nas tarefas de extinción. Tamén temos un vello camión de incendios, usado basicamente nestes últimos anos soamente na limpeza viaria e na limpeza de fosas sépticas, que acudiu ao lugar do lume pero que non foi necesaria a súa participación. Tanto os medios do distrito forestal como os medios municipais, con todo o que houbo, alí foron dabondo para extinguir o lume que se produciu”.
O rexedor ribadense cre que “o que fai o voceiro do PP é cuestionar a actuación modélica contra o lume que facemos desde o Concello de Ribadeo, que somos dos poucos, por non dicir o único, en toda Galiza que tivemos o valor de facer cumprir a lei, precisamente a lei da Xunta, coa obriga do desbroce nas faixas de protección dos cincuenta metros de distancia ás vivendas e que estamos de maneira executiva actuando, de maneira subsidiaria, contra aqueles, que non foron moitos pero que algúns foron, que non o quixeron facer”.
Fernando Suárez engadiu que “faría moi ben o portavoz do PP de Ribadeo que, en vez de enguedellar coa súa maneira cutre de facer política, se puxese a dicirlles aos seus compañeiros de partido na Xunta por qué nunca se ofreceron a colaborar co Concello en todo este proceso de limpeza de fincas no que levamos traballando hai anos. Desde logo, como sempre, a Xunta todo o que fai nesta materia, nunca mellor dito, todo é fume”.

Exit mobile version